CRTVG

Buscar

A cifra de contaxiados dispárase en Francia e no Reino Unido

Publicado o 09/04/2020 00:20

Europa está no centro da pandemia de coronavirus, con case 750.000 positivos. Sete dos dez países con máis casos son do vello continente. A Organización Mundial da Saúde pídelles aos gobernos que sexan cautelosos, que non levanten demasiado cedo os controis da mobilidade.

En Italia as cifras seguen mellorando. Estabilízanse os contaxios, baixa a cifra diaria de falecidos e dispárase a de persoas curadas. As autoridades pensan en suavizar as restricións na vida publica e na actividade económica, pero dan por feito que non se deixará saír da casa a poboación en xeral ata maio.

Francia, tras superar os 10.000 falecidos, ve con preocupación como a chegada do bo tempo relaxa as medidas de confinamento decretadas en 150 cidades.

Londres tivo que estrear o seu primeiro hospital de campaña. O Reino Unido bateu unha nova marca de falecidos, case un milleiro nun só día. 

Mentres, os casos confirmados avanzaron en 24 horas en 5.492, ata situarse en 60.733, segundo o Ministerio de Saúde. Entre os enfermos está o propio primeiro ministro británico, Boris Johnson, que segue en coidados intensivos nun hospital de Londres, responde ao tratamento e o seu estado mellora.

Os veciños de Wuhan xa poden saír da cidade

E Wuhan iluminouse para poñer fin a 11 semanas de bloqueo. A xente puido por fin coller o tren, o avión ou o coche para abandonar a cidade, aínda que se manteñen moitos controis na mobilidade e o confinamento nalgúns barrios. O que lles está custando ás autoridades chinesas e poñer fin á cría e mercado de animais salvaxes vivos, unha tradición local da que se sospeita puido ser a orixe do coronavirus.

EUA supera os 400.000 contaxiados

Os Estados Unidos superou este mércores os 400.000 casos confirmados de COVID-19 e as 13.000 mortes, coa enfermidade cada vez máis estendida ao longo do país, pero con sinais de estabilización nalgúns dos principais focos. Segundo datos da Universidade Johns Hopkins, hai xa 402.923 positivos e 13.007 falecementos, que están a aumentar a un ritmo próximo aos 2.000 por cada 24 horas.

Nova York segue sendo o gran epicentro da pandemia con máis de 142.000 positivos, moi preto xa das cifras de España, e con 6.268 falecidos, tras un novo récord de 779 na última xornada. E as cifras reais, segundo admiten as autoridades, son seguramente moito peores, pois non se están contabilizando os mortos fóra de hospitais a menos que xa desen positivo previamente.

 

Noticias web

09/04/2020