CRTVG

Buscar

A chuvia impide recoller o millo na Terra Chá

Publicado o 05/10/2020 21:00

O paso da cicloxénese Álex e a chuvia de hoxe dificultan a recollida do millo forraxeiro en boa parte da Terra Chá. Os terreos teñen auga no subsolo e, sumada á que caeu do ceo, fan que sexa imposible entrar cos tractores, picadores e autocargadores nas leiras.

O ano pasado xa se producira unha situación similar e boa parte do cereal quedou sen recoller. Unha dor de cabeza para os gandeiros, posto que cada hectárea pode ter un custo de máis de 1.200 euros.

"Estívose regando ata mediados de agosto e agora xa había problemas mesmo antes da chuvia destes días. Temos que mirar se con eirugas e outros medios podemos sacar o millo".

Para paliar os efectos da chuvia, só queda recorrer a máquinas dotadas de eirugas para tracción coma esta. O problema é que o traballo se fai moito máis lento e os custos se disparan porque hai pouco vehículos dispoñibles.

A situación aínda se fai máis grave tendo en conta que a deste ano era unha colleita das mellores que se lembran grazas, curiosamente, á chuvia caída a mediados de agosto.

"Cando o normal é facer dúas hectáreas e media por hora, agora vémonos con que apenas podemos facer unha hectárea por hora".

Outra innovación é esta cinta transportadora que permite cargar grandes cantidades de millo xusto ao pé das leiras, co que diminúen os gastos de transporte e as máquinas de recollida poden reducir o tempo de traballo.

Noticias web

05/10/2020