CRTVG

Buscar

A chuvia axuda a controlar os incendios que aínda quedaban activos en Ourense

Publicado o 17/09/2020 22:22

Todos os incendios de Ourense dos que informa a Xunta pola súa envergadura están controlados ou extiguindos, entre eles o maior, o de Lobios, que afecta provisionalmente a unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

As últimas medicións, aínda provisionais, sitúan a superficie afectada polos lumes que afectaron a varias localidades desde a fin de semana nunhas 7.500 hectáreas, aínda que inicialmente computouse unha superficie maior (calculábanse unhas 2.000 hectáreas arrasadas no de Vilariño de Conso e concretáronse 817).

Controlados quedaron a partir das 20,00 horas deste xoves os lumes rexistrados en Montederramo, tras calcinar unha superficie de 30 hectáreas; Chandrexa de Queixa (con 500 hectáreas afectadas, segundo as primeiras medicións provisionais); e os dous rexistrados en Manzaneda, que arrasaron 850 e 400 hectáreas, respectivamente.

Controlado quedou tamén o lume de Lobios, tras afectar a unhas 2.000 hectáreas do Parque do Xurés. Tamén está controlado o que, en territorio de Muíños, afecta ao mesmo parque, e que chegou procedente de Portugal. A superficie afectada neste segundo lume é de 150 hectáreas.

Ademais, permanece controlado desde este mércores o lume que se rexistrou na parroquia de Rebordechau, en Vilar de Barrio. De acordo coas últimas estimacións, afectou a unha superficie de 700 hectáreas

Extinguidos

Extinguido quedou ás 20,34 horas deste xoves o principal incendio de Cualedro, con 1.300 hectáreas afectadas; e tamén un segundo lume que afectou a 68 hectáreas de monte raso. Tamén quedaron extinguidos os da Pobra de Trives (50 hectáreas de monte raso afectadas), Rairiz de Veiga (251,5 hectáreas afectadas), A Mezquita (524,91 hectáreas), Vilariño de Conso (817 hectáreas afectadas) e Muíños (32,3 hectáreas afectadas).

Dous investigados como presuntos autores das lapas

Identificado un veciño de Ourense como presunto autor do incendio forestal de Laza que prendeu o sábado pasado e en que se queimaron case 50 hectáreas. A Garda Civil xa lle tomou declaración. O caso foi remitido ao xulgado de Verín. E en Vilar de Barrio investigan unha muller de 67 anos como presunta autora doutro incendio forestal. Varios veciños sorprendérona prendendo o lume. Da investigación ocúpase o xulgado de Xinzo de Limia.

Noticias web

17/09/2020