CRTVG

Buscar

A China asegura que non contabiliza falecidos por primeira vez desde o inicio da pandemia

Publicado o 07/04/2020 19:19

A Comisión Nacional de Sanidade da China informou de que non se certificaron novas mortes pola pneumonía COVID-19 no seu territorio durante o luns, cando os casos graves de infectados polo coronavirus SARS-CoV-2 se reduciron ata os 211, a cifra máis baixa desde xaneiro.

Durante as últimas semanas a cifra oficial de mortos por COVID-19 mantívose constante por baixo da decena, e a maioría dos decesos producíronse no berce da pandemia, a cidade de Wuhan, onde agora quedan, segundo a fonte, 181 dos mencionados 211 pacientes infectados en estado grave.

Ademais, as autoridades sanitarias chinesas indicaron que, ata a pasada madrugada local (16:00 hora GMT do luns) diagnosticáronse 32 novos casos, todos eles provenientes do estranxeiro, fronte aos 39 (38 deles "importados") rexistrados na véspera.

A pesar destes novos casos, o número total de infectados "activos" no país asiático continuou descendendo ata os 1.242, xa que o número de pacientes dados de alta soe ser maior que o de novos contaxios.

Deste xeito, o número total de infectados diagnosticados na China desde o inicio da pandemia é de 81.740, entre os que pereceron 3.331 persoas e, polo momento, 77.167 persoas recibiron a alta tras superaren con éxito a enfermidade.

Desde que esta empezou a azoutar con severidade o resto do planeta, son moitos os chineses que regresaron ao seu país, onde a pandemia COVID-19 -sempre segundo as cifras oficiais- parece máis controlada. De aí o repunte dos casos "importados" nas últimas semanas, xa que moitos proceden doutros focos mundiais do virus.

Ata a data realizouse seguimento médico a 714.720 contactos próximos con infectados, dos cales 14.499 continúan en observación, e deles, 89 serían casos sospeitosos de contaxiarse do coronavirus SARS-CoV-2.

No referente aos infectados asintomáticos, a China rexistrou 30 novos casos neste último parte, e elevou así o total de asintomáticos en observación a 1.033.

O pasado 12 de marzo, o goberno chinés declarou que o pico de transmisións chegara ao seu fin no país.

Os síntomas do novo coronavirus son en moitos casos parecidos aos dun arrefriado, pero poden estar acompañados por febre e fatiga, tose seca e dispnea (dificultade para respirar).

O coronavirus esténdese polo mundo e golpea duramente os EUA

O peor dos escenarios está nos Estados Unidos, que supera os 10.000 mortos e máis de 350.000 contaxiados. 

O virus avanza tamén no Reino Unido, onde o seu primeiro ministro, Boris Johnson, segue ingresado na UCI desde onte á tarde. As boas novas chegan da China, que rexistrou o primeiro día sen mortos desde hai tres meses.

Os Estados Unidos afrontan unha semana que vai ser moi dura, pero tamén o será a que vén, segundo recoñecen as propias autoridades. O país superou os 10.000 mortos e os 350.000 contaxiados.

O alcalde de Nova York, epicentro da pandemia, non desbota habilitar un parque público para realizar soterramentos temporais ante o elevado número de mortos, case a metade dos que hai en todo o país.

O avance do virus preocupa tamén no Xapón, e o Goberno declarou finalmente hoxe o estado de emerxencia en Toquio e outras seis rexións.

No Reino Unido, con case cinco mil mortos, estase pendente da evolución do primeiro ministro británico, Boris Johnson, ingresado onte á tarde na UCI dun hospital londinense.

O ministro de Exteriores, Dominic Raab, asumiu o mando do Goberno e confirmou que Johnson sufrira un empeoramento da súa saúde.

En Francia, con máis de 9.000 mortos, o goberno admite que están ainda en fase de agravamento polo que cidades como París decidiron aumentar as restriccións e prohibir saír da casa para facer exercicio entre as dez da mañá e as sete da tarde.