CRTVG

Buscar

A central de Endesa nas Pontes inicia novas probas con biocombustibles

Publicado o 09/09/2020 17:39
A central de Endesa nas Pontes inicia novas probas con biocombustibles

A central de Endesa nas Pontes (A Coruña) inicia novas probas con biocombustibles para tratar de determinar a viabilidade económica de operar con eles, tras a fin da actividade que se realizaba só con carbón.

Esta semana arrincan as probas de aproximación, que se efectuarán con dúas mesturas de biocombustible e distintos carbóns, e teñen unha duración prevista de entre dous e tres días con cada unha delas.

Os ensaios definitivos faranse a final de mes e durarán cinco días cada un deles.

Tras o anuncio do peche das plantas térmicas, e ante a mobilización de traballadores co apoio da Xunta para que se mantivese a actividade na comarca, Endesa xa fixo probas en 2019 para determinar a posibilidade de que As Pontes continuase operativa.

Con todo, en decembro dese ano, Endesa presentou a solicitude formal de peche desta central térmica de carbón importado, así como o da de Carboeiras, en Almería.

Fíxoo ante "a clara ausencia de perspectivas de mellora no futuro" pola "profunda modificación" das condicións de mercado, cun incremento substancial no prezo dos dereitos de dióxido de carbono e unha caída significativa do prezo do gas.

"Enerxías sucias"

Respecto destas novas probas pronúnciase este mércores o colectivo Galicia, Un Futuro Sen Carbón, que ve nelas un "novo intento de eternizar o uso de enerxías sucias" na planta, posto que as probas fanse con dúas mesturas de biocombustibles con distintos tipos de carbón, "o combustible fósil que máis contribúe ao cambio climático".

A través dunha nota de prensa, a plataforma ecoloxista rexeita que a empresa presente a queima de carbón e residuos "como un paradigma de sustentabilidade", porque o considera "un insulto á intelixencia".

"A transición enerxética debe asentarse no abandono dos combustibles fósiles, na redución do consumo e no despregamento das enerxías renovables", advirte.

Máis sobre As Pontes de García Rodríguez