CRTVG

Buscar

A caza do xabaril en Xermade retómase con polémica

Publicado o 04/05/2020 21:37

Os gandeiros xa están a recoller a herba forraxeira e en poucos días comezarán coa sementeira do millo. Para protexer eses cultivos, imprescindibles para alimentar as vacas, pediron axuda aos cazadores logo de que se detectaran estragos nalgúns puntos do concello de Xermade. Así, a Xunta autorizou que fagan capturas de xabarís mediante a técnica da espera, diferente das habituais batidas para capturar estes animais.

"A espera consiste en que unha persoa agarda durante a noite nun punto onde se produciron estragos. Nas batidas usamos cans e cuadrillas."

A medida estivo rodeada de certa polémica porque unha asociación animalista solicitou á Subdelegación do Goberno en Lugo que se paralizase a caza, algo que non prosperou. Os cazadores lembran que estas capturas son as mesmas que se fan todos os anos para evitar danos nas colleitas e insisten nas perdas que se evitan aos gandeiros. Por exemplo, unha hectárea de millo estragada ten un custo de 1.200 euros.

"É fácil que o xabaril estrague unha hectárea de millo nunha noite. Por iso neste tempo sempre se fixeron capturas. Para tentar controlalos."

Dende a Federación de Caza lembran que se están a cumprir todas as normativas e recomendacións de seguridade e sanidade para evitar posibles contaxios de coronavirus durante as saídas.
 

Noticias web

04/05/2020