CRTVG

Buscar

A Cámara dos Comúns aproba a lei contra un 'brexit' duro en primeira instancia

Publicado o 04/09/2019 18:39
A Cámara dos Comúns aproba a lei contra un 'brexit' duro en primeira instancia

A lei para bloquear unha saída sen acordo do Reino Unido da Unión Europea (UE) superou hoxe o seu primeiro trámite na Cámara dos Comúns, que pode darlle o seu visto e prace esta noite e precipitar que o Goberno tente convocar unhas eleccións anticipadas. O texto, proposto pola oposición e un grupo de conservadores críticos co seu propio Executivo, foi apoiado nunha votación preliminar por 329 deputados, fronte a 300 en contra.

Se, como se espera, a cámara baixa ratifica a lei -con votacións a partir as sete-, esta pasará entón á Cámara dos Lores, que a debaterán previsiblemente durante varios días. A proposta legal establece o 19 de outubro como data límite para que o Executivo chegue a un acordo coa UE. Pasado ese prazo, o primeiro ministro, o 'tory' Boris Johnson, estaría obrigado a solicitar a Bruxelas unha nova prórroga do 'brexit'. O texto propón o 31 de xaneiro de 2020 como a nova data de saída, aínda que deixa aberta a posibilidade de que a UE estableza a extensión dunha eventual prórroga.

Ese atraso iría en contra dos plans de Johnson, que asegura que está disposto a romper os lazos coa UE na data prevista, o 31 de outubro, aínda que non puidese alcanzar para entón un pacto de saída. Se se consuma a rebelión contra el nos Comúns, o mandatario conservador avanzou que activará unha moción para convocar eleccións xerais no Reino Unido.