CRTVG

Buscar

A bolsa volve aos números vermellos pola falta de acordo do Eurogrupo

Publicado o 08/04/2020 09:56
A bolsa volve aos números vermellos pola falta de acordo do Eurogrupo

A Bolsa española, tras tres xornadas consecutivas de ganancias, baixa este mércores o 1,39 % e perde os 7.000 puntos, desalentada polo fracaso do Eurogrupo, que segue sen acordar unha resposta coordinada ás consecuencias económicas do coronavirus.

O principal indicador da Bolsa española, o IBEX 35, cede máis de 90 puntos ata os 6.909 enteiros. No que vai de ano, as perdas xa chegan ao 27,62 %.

En Europa, os principais mercados tamén se decantaron polas perdas, xa que Frankfurt e Milán baixan o 0,72 %, mentres que Londres o fai o 1,22 %.
A Bolsa de París deixa o 1,22 % nunha xornada en que o Banco de Francia estima que o PIB do país caeu ao redor do 6 % no primeiro trimestre como consecuencia da pandemia.

Desta maneira, o mercado europeo rompe a serie positiva que rexistrara nas últimas sesións nas que se viu animado pola posible contención do virus nalgúns países europeos.

Á espera de que finalmente haxa medidas coordinadas, os mercados europeos decántanse hoxe pola tendencia negativa, do mesmo xeito que fixo Wall Street, que pechou con leves caídas nunha xornada de forte volatilidade. Estados Unidos é actualmente o país máis afectado pola pandemia.

En Asia, o mercado de Tokio subiu máis do dous por cento, e a Bolsa de Shangai perdeu un 0,45 %.

No mercado da débeda, o rendemento do bono español a dez anos sobe ao 0,8 %, coa prima de risco en 116 puntos básicos.