CRTVG

Buscar

A Avogacía pide excarcerar a Junqueras para que poida exercer de eurodeputado

Publicado o 30/12/2019 11:11

A Avogacía do Estado solicitou ao Supremo que permita que Oriol Junqueras poida tomar posesión como eurodeputado e exercer as súas funcións mentres manteña ese status, á vez que urxiu ao tribunal para tramitar "o máis axiña posible" ante o Parlamento Europeo a suspensión da súa inmunidade.

O escrito presentado pola Avogacía ante o Supremo, asinado por Rosa María Seoane (que representou ao Estado no xuízo do 'procés'), insta o tribunal a adoptar as medidas necesarias para que Junqueras poida exercer a súa misión parlamentaria e ao tempo se cumpra a sentenza do 'procés', que o condenou a 13 anos de prisión por sedición.

Esas son as liñas principais do informe remitido polos servizos xurídicos do Estado ao Supremo coa súa proposta para aplicar a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que determinou que Junqueras debeu ser recoñecido como eurodeputado e gozar de inmunidade.

Os servizos xurídicos do Estado xa expuxeron no mes de xuño que o ex-vicepresidente catalán puidese tomar posesión da súa acta, un criterio que non foi atendido polo Supremo, que optou por elevar unha cuestión prexudicial ao TXUE que derivou na recente sentenza.

Unha vez estudada esa resolución xudicial, a Avogacía cre que "cabería permitir" tanto o desprazamento de Junqueras á Xunta Electoral Central como á sede do Parlamento Europeo para cumprir os trámites necesarios para ser eurodeputado.

É o mesmo criterio fixado en xuño, tendo en conta que a Xunta Electoral Central non se pronunciou sobre a incompatibilidade da súa condena coa súa condición de parlamentario europeo.

A xuízo da Avogacía, Junqueras debe poder exercer a súa función representativa mentres manteña o status de europarlamentario, pero ao tempo o Supremo debe pedir "o máis axiña posible" á  Eurocámara que suspenda esa inmunidade.

E, mentres tanto, solicita que se apliquen as medidas oportunas para garantir que "a liberdade de movementos" que implique a aplicación desa inmunidade, "non poida dar lugar á fuga do penado e á correspondente frustración do dereito fundamental ao cumprimento das sentenzas".

Suxire a Avogacía que o Supremo consulte esas medidas coa Eurocámara "en canto afectan o ámbito de competencia do Parlamento Europeo e ao amparo do principio de cooperación leal".

A Avogacía do Estado aproveita o seu escrito para subliñar que a nova doutrina do TXUE é "nova e complexa" e para saír en defensa do Supremo ao argumentar que a súa actuación se axustou á xurisprudencia europea anterior e que elevar a cuestión prexudicial "foi un acertado exercicio".

Avogacía asegura que "de ningún xeito" procede anular a sentenza do 'procés'

A Avogacía do Estado destaca que a sentenza do 'procés' do Tribunal Supremo é "plenamente válida", polo que "de ningún xeito" procede a súa anulación a raíz do pronunciamento do Tribunal de Xustiza da UE que determinou que Oriol Junqueras debeu ser recoñecido como eurodeputado.

No seu escrito remitido ao Supremo, os servizos xurídicos do Estado consideran que a inmunidade da que debeu gozar  Junqueras entre o 13 de xuño -data en que foi proclamado eurodeputado electo- e o 14 de outubro -data da sentenza do 'procés'- non implicaba a necesidade de suspender o procedemento penal nin que se ditase sentenza.

A nulidade do proceso é precisamente una das peticións que fixo a defensa do ex-vicepresidente catalán ao Supremo no seu escrito de alegacións.

Pero a Avogacía do Estado explica que, tal e como sentenciou o TXUE, a inmunidade adquirida o 13 de xuño cando Junqueras é declarado eurodeputado electo "non contempla de maneira expresa a paralización ou suspensión da causa principal".

"En suma, a sentenza do 14 de outubro de 2019 ditouse con estrita observancia das normas esenciais do procedemento penal e en nada impediu ou obstaculizou a inmunidade declarada pola sentenza do TXUE".

O ditame podería facilitar a investidura

Este ditame podería desbloquear a investidura. Se contenta a Esquerra Republicana, o acordo podería ser inminente. A primeira en valoralo foi a tamén eurodeputada Diana Riba, para quen se trata, simplemente, de aplicar o sentido común. A dirección do partido reúnese hoxe para avaliar o documento. Ante a sede, esta mañá protestaban unha trintena de independentistas, contrarios ás negociacións co PSOE. Hoxe tamén soubemos que Bildu, outro dos actores clave, vai consultar coas súas bases a abstención dos seus cinco deputados.

Con todos este movementos, a investidura toma forma, e volve soar a véspera de Reis como a data para culminala. Esta mesma tarde, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias presentan no Congreso o seu programa de goberno de coalición.

Críticas de PP e Cs

Para Ciudadanos, din, unha nova concesión do PSOE ao independentismo. O PP esixe coñecer a verdade sobre ese informe da Avogacía do Estado e por que resultou a favor das teses que defendía Esquerra, din. Solicitarán a comparecencia no Congreso da ministra de Xustiza e da avogada xeral do Estado.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí