CRTVG

Buscar

A avícola de Cambados paraliza dous días a planta para desinfectar

Publicado o 25/09/2020 19:00

• Sanidade anuncia un cribado exhaustivo na comarca do Salnés tras confirmar 75 positivos entre os traballadores e 20 nos seus contactos

• O gromo está vencellado co aumento de casos en Vilanova de Arousa, que esta noite estrea restricións | Consúltaas no DOG

A avícola de Cambados paraliza dous días a planta para desinfectar

Xa se fixeron case 200 PCR e seguiranse realizando probas nos próximos días. As autoridades sanitarias consideran que hai que facer un cribado exhaustivo na zona, tendo en conta que xa se detectaron 95 casos positivos, 75 na propia empresa e 20 nos seus contactos directos. E é que a maioría dos contaxiados son xente nova, que está asintomática, e que pertence a varios concellos da comarca do Salnés.

En coordinación coa Administración Sanitaria, a empresa pechará as súas instalacións 48 horas, o sábado e o domingo, para desinfectar tanto a fábrica coma as zonas comúns.

É o gromo máis grande activo agora mesmo en Galicia. Foi a principios da semana cando se detectaron os primeiros casos nesta empresa avícola. Un cribado entre todo o persoal sacou á luz 75 positivos. Todos xente nova e de dintintos concellos da comarca do Salnés. O rastrexo dos contactos fixo que a cifra siga medrando: entre familiares e amigos xa van case un cento de contaxiados.

Julio Comesaña, conselleiro de Sanidade, "De momento a maior parte dos positivos son asintomáticos, e nese sentido estamos tranquilos, e agora temos que seguir co traballo de cribar o círculo destes positivos"

A empresa en que se detectou o gromo pechará durante 48 horas para desinfectar as instalacións As autoridades sanitarias avalan os protocolos anticovid que teñen implementados.

Fátima Abal, alcaldesa de Cambados, "Levan un burka e por debaixo a máscara. Tratan todos os produtos con luvas. E tiñan establecido un protocolo, por iso nos parece difícil que xurdise un gromo aí"

O gromo na empresa considérase controlado, pero é previsible que a cifra de contaxios siga medrando. E con ela, a preocupación na comarca do Salnés.

"É que non sabes se puideches estar ao lado de algún contaxiado... por iso estamos esperando a ver que medidas hai que tomar agora", "Aquí había algún caso, pero agora este gromo... alarma, claro que alarma", "Vimos do médico, e todo o mundo anda preocupado"

Os contaxios esténdense por varios concellos do Salnés e Pontevedra. Hainos en Vilagarcía, Meis, Barro ou Vilanova.

A dirección da compañía lembra que, desde que se detectaron os primeiros positivos, a planta de despezamento avícola de Cambados rebaixou de forma "drástica" a súa produción e actualmente opera por baixo do 40% para intensificar o distanciamento social entre o persoal e reducir "ao máximo" o número de profesionais nas instalacións.

A empresa roga ademais a todos os profesionais da planta que fagan unha corentena "estrita" ata que non teñan a alta médica. Desde o Servizo Galego de Saúde explican que actualmente están en corentena 75 traballadores de Avícola de Galicia e unha vintena de contactos destes positivos, que evolucionan nos seus respectivos domicilios. Ademais, reforzáronse os cribados preventivos para avanzar na detección de novos casos e manter o seguimento e control deste gromo.

O Sergas rexeita as denuncias do sindicato CIG, que acusaba a Xunta de Galicia de actuar con "neglixencia" neste gromo e defende que a detección e rastrexo de casos está a ser "permanente e eficaz". Neste traballo de rastrexo participan os rastrexadores da administración autonómica, un equipo da central de seguimento, técnicos do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxica e persoal de Atención Primaria, que realiza a valoración clínica dos contactos que manifesten síntomas e fai un seguimento das persoas en corentena.

O protocolo preventivo por covid-19, lembran as autoridades sanitarias, actívase cando "clinica e epidemioloxicamente" o require calquera centro asistencial, empresarial ou educativo, en coordinación "permanente" cos servizos sanitarios. A través deste protocolo, a porcentaxe de casos de coronavirus detectados en Galicia en persoas que non presentaban síntomas é de preto dun 66%, fronte ao 53% da media nacional, segundo os datos que facilita a sanidade galega. 


 

Noticias web

25/09/2020