CRTVG

Buscar

A autopsia non aclara a causa pola que morreron os tres membros da familia que afogaron nunha piscina

Publicado o 26/12/2019 14:38

Segue a investigacion da misteriosa morte de tres membros dunha familia británica nunha piscina de Mijas. A autopsia revelou que os tres morreron afogados e no sistema de succión apareceu o gorro de baño da pequena de nove anos.

A investigación avanza, pero sen aclarar aínda como puideron morrer na piscina o pai e dous dous seus fillos.

O gorro de baño da pequena de nove anos apareceu no sistema de succión, pero a dirección da urbanización asegura que este non presentaba problema ningún.

O xuíz autorizou a reapertura da piscina e as autopsias confirmaron que os tres morreron afogados sen rastro ningún de hematomas nin de intoxicación.

Tampouco apareceu nada relevante no recoñecemento médico que se lle fixo á outra irmá que estivera coa máis pequena na piscina e que saíra dela pouco antes do suceso.

O misterio rodea estas tres mortes porque ademais o pai, de 53 anos e o fillo de 16 eran de complexión forte, medían preto de 1,90 e había seis escaleiras para entrar e saír da piscina.

Agora agárdase o que poida dicir a nai que seguía en estado de conmoción atendida por un equipo de psicólogos.

Á espera desta declaración, nada hai que explique polo de agora que lles puido pasar aos tres membros desta familia británica que viñera a Mijas a pasar as festas do Nadal.

Noticias web

26/12/2019