CRTVG

Buscar

A Audiencia reabre o caso Jimmy e pide que declare unha testemuña ignorada polo xuíz

Publicado o 17/04/2020 18:21
A Audiencia reabre o caso Jimmy e pide que declare unha testemuña ignorada polo xuíz

A Audiencia Provincial de Madrid reabriu o caso en que investigaba a morte do seareiro do Deportivo da Coruña, Francisco Javier, Jimmy, durante unha liorta que enfrontou o 30 de novembro de 2014 a seareiros do Riazor Blues e o Fronte Atlético.

Así consta nun auto en que se acorda, a pedimento dun recurso interposto pola acusación particular, revogar o auto ditado polo xuíz de Instrución número 20 de Madrid que sobresou a causa en xuño de 2018 ao non existir "indicios de criminalidade contra ningunha persoa".   

O envorco no caso prodúcese despois de que o xuíz considerase a unha testemuña que apareceu durante a instrución da causa nun oficio da Policía remitido ao xuíz no que se indicaba que manifestou en sede policial quen era os autores, cuxos nomes coincidían cos que apuntou unha testemuña protexida á que non se deu credibilidade.   

A defensa da familia do falecido recorreu o auto de arquivo debido a que o instrutor non tomou declaración a esta testemuña, un feito que agora si pide que contemple a Audiencia de Madrid no seu auto.

Segundo as mesmas fontes, os maxistrados sinalan que, se os nomes dos supostos autores dos feitos coinciden cos nomes que deu unha testemuña protexida, xa non se podería dubidar da credibilidade da testemuña protexida.   

O auto apunta que esta testemuña non quixo declarar ante a comisaría ao non ter protección e tampouco foi citada polo xuíz, quen non lle outorgou o recoñecemento de testemuña protexida na causa penal, como si fixo con outras persoas que presenciaron os feitos.   

Por tanto, os maxistrados acordan que se reabra a causa, dado que consideran que a declaración desta testemuña sería "relevante" para a investigación dos delitos que se instrúen neste procedemento penal.   

O pasado setembro, o xuíz que investiga o caso acordou nunha peza separada do groso principal a apertura de xuízo oral contra un total de 82 persoas pola súa participación na liorta que desembocou na morte do seareiro do Deportivo.