CRTVG

Buscar

A Audiencia de Lugo admite o recurso das familias das dúas vítimas do crime do Ceao

Publicado o 18/06/2019 12:36
A Audiencia de Lugo admite o recurso das familias das dúas vítimas do crime do Ceao

A Audiencia Provincial de Lugo admitiu o recurso das familias das dúas vítimas hai máis de 25 anos do coñecido como doble crime do Cash Record, ocorrido no polígono industrial do Ceao e que segue sen resolución. Logo dunha sucesión de pórrogas, o xuíz encargado do caso, do xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo, decidiu poñerlle punto e final ás pescudas, o que levou ás familias a pedir a intervención da Audiencia Provincial.

O 30 de abril de 1994, sobre as sete da tarde, Isabel López atopou os cadáveres de Elena, a súa irmá e caixeira, e do repoñedor Esteban Carballedo, que recibiran varios balazos. Nese momento as investigacións centráronse nun posible roubo, xa que desapareceran cinco millóns das antigas pesetas (30.000 euros), da recadación do día.

A irmá de Elena, logo de coñecer que se admitía o recurso, á espera de saber se se estima ou non, amosouse convencida de que se trata dunha "baza" que xoga a "favor das dúas familias". "Temos unha pequena esperanza de que admitan a declarar as persoas que tiñamos previsto que o fixesen", dixo, e ao mesmo tempo precisou que o recurso se presentou  desoius de que "o xuíz dixera que el xa non ía investigar máis".

Entre as persoas que piden que declaren están os axentes da Garda Civil aos que "nomeou noutra declaración outro garda". "Estamos moi interesados porque eles si que saben algo", dixo Isabel, e que tamén o faga un hosteleiro que agora reside en Burgos e que no momento dos feitos tiña un negocio na cidade vella de Lugo, "as familias teñen claro que se trataba dun confidente policial", asegurou, "e para nós é o suposto sospeitoso".