CRTVG

Buscar

A Asociación Española de Pediatría, en contra das dietas veganas nos primeiros anos de vida

Publicado o 19/11/2019 15:00

Boa parte do historial médico de calquera persoa vén determinado pola alimentación. O que comemos, sobre todo nos primeiros anos, influirá na nosa saúde ao longo de toda a vida. Ante o crecemento de familias que optan pola alimentación vegana para os seus fillos, a Asociación Española de Pediatría viu necesario fixar a súa posición.

"Non é recomendable que os lactantes e incluso os nenos de curta idade sigan unha dieta vegana", explica Rosaura Leis, membro do Comité de Nutrición da Asociación Española de Pediatría.

Só o un e medio por cento da poboación en España opta por unha alimentación vegana, onde non entra ningún tipo de produto de orixe animal. É unha porcentaxe que está lonxe de países como Alemaña ou Gran Bretaña, que se achegan ao 10%. Mesmo así, xa se detectaron problemas, como algún ingreso hospitalario por este tipo de déficits en lactantes, "sobre todo en fillos de nais veganas con lactancia prolongada, e aínda que non hai evidencia científica dsuficiente de que o crecemento dos nenos estea afectado, si que sabemos que hai risco de déficit de determinados nutrintes que poden supoñer un atraso no desenvolvemento neurolóxico do neno", advirte Leis.

Unha dieta omnívora saudable apóiase en máis do 50% nos cereais, nas froitas e nas verduras, e só nun 15% en produtos de orixe animal. Excederse con eles contribúe a incrementar os índices de exceso de peso infantil, pero obviar os nutrientes que nos proporcionan o peixe, os ovos ou a carne tamén pode ocasionar problemas graves de saúde. Por iso, quen decida facer unha dieta restritiva, debe acudir sempre ao médico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/11/2019