CRTVG

Buscar

A área de Vigo citará a outras 5.000 persoas para continuar o cribado na busca de asintomáticos

Publicado o 02/12/2020 17:02
A área de Vigo citará a outras 5.000 persoas para continuar o cribado na busca de asintomáticos

 A área sanitaria de Vigo continúa realizando o cribado para detectar casos asintomáticos de contaxiados por coronavirus e, en próximos días, citará a outras 5.000 persoas con tarxetas adscritas aos centros de saúde de Rosalía de Castro, Rúa Cuba, Casco Vello e A Dobrada. 

Segundo lembraron fontes do Sergas, o cribado masivo anunciado por Sanidade fai un par de semanas na área viguesa (que prevé a realización dunhas 20.000 probas) xa se iniciou con probas a case 3.000 persoas adscritas aos centros de saúde de Lavadores e Sárdoma. 

Nesta segunda fase, a partir deste xoves e ata o vindeiro venres, "convidarase" a outras 5.000 persoas a realizar o test diagnóstico. Así, prevese citar a 500 persoas nos días laborais e a 2.500 a próxima fin de semana; e este xoves xa se convocou as primeiras 500 para que acudan ao 'COVID-Auto' do Hospital Meixoeiro.

O obxectivo deste tipo de cribados é detectar o maior número de persoas infectadas que non presentan síntomas, porque supoñen un risco para a saúde pública xa que, ao teren bo estado de saúde e descoñecer a infección, fan vida habitual e son potenciais contaxiadores. 

A área sanitaria de Vigo ofrece participar no cribado á poboación de referencia dos centros de saúde de entre 20 e 60 anos de idade, nunhas probas que son voluntarias. Para poder participar no cribado é necesario non ter realizado unha PCR nas dúas semanas previas e ter un teléfono rexistrado no sistema de avisos 'Lembra'(que autoriza a enviar notificacións a través de mensaxes SMS).