CRTVG

Buscar

A área de Ferrol rexistra un menor ritmo de contaxios e máis presión hospitalaria

Publicado o 03/11/2020 21:34

Ferrol segue a ser unha das áreas sanitarias que máis preocupa e roza o milleiro de casos activos. Aínda así, as cifras apuntan a un menor ritmo dos contaxios.

Son 62 novos positivos e 28 casos activos máis, pero lonxe dos 99 ou os 136 que se rexistraron nos últimos sete días. Os datos apuntan a un menor ritmo dos contaxios ante as restricións marcadas polas autoridades sanitarias.

Na outra cara da moeda está a presión hospitalaria, que segue aumentando como consecuencia dos contaxios dos últimos días. Hoxe hai 44 pacientes hospitalizados, un máis ca onte, 7 deles en unidades de críticos. Esta será unha das razóns de peso do comité científico que decidirá sobre as novas medidas que vai adoptar.

Ferrol, Narón, Fene e Pontedeume continúan en alerta vermella. Neste último concello preocupa a situación das residencias de maiores, con 37 afectados entre usuarios e traballadores no centro da Nosa Señora das Virtudes.

Noticias web

03/11/2020