CRTVG

Buscar

A ardentía ilumina o mar en Carnota

Publicado o 16/08/2020 23:23

Fonte @aleixandrus (Twitter e Instagram)

A ardora ilumina desde hai varias noites o mar de Carnota, un fenómeno que coñecen ben os mariñeiros da zona.

"O luns pasado xa estaban as augas negras, parecían petóleo, e xa dixen: vai haber mar de ardora á noite. E toda esta semana, desde a fin de semana pasada, estase vendo moito", explica David Trillo, mariñeiro de Carnota.

A luminosidade nocturna débese á presenza dun microorganismo coñecido como Noctiluca scintiillams, que prolifera no verán cando as augas están cargadas de nutrientes.

"Levámolo observando desde hai catro semanas e nas dúas últimas atopou as condicións idóneas de temperatura e nutrientes para reproducirse de xeito exponencial, é o que científicamente se chama un bloom, e está cambiando a tonalidade da auga, explica Covadonga Salgado, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

A difusión de imaxes como estas -cedidas por @alexandrius-  está atraendo máis visitantes cada noite ás praias de Carnota, pero o fenómeno estase a producir tamén nas rías de Vigo e Pontevedra

"Publicárono nas redes sociais nunha páxina de Carnota a fin de semana pasada, e esta semana toda a xente que ía vindo ía publicando. Onte tamén había bastante tráfico de xente pola noite véndoa", di David Trillo.

A ardentía pode ser habitual en Galicia entre os meses de xullo e outubro. O microorganismo que a provoca é totalmente inocuo, o único efecto que ten é a fosforesencia, e con ela o asombro que produce ver o mar resplandecendo en plena noite.

 

Noticias web

16/08/2020