CRTVG

Buscar

A ANPA acepta o traslado temporal de alumnos do colexio apuntalado en Sarria

Publicado o 24/01/2020 11:29

A ANPA do colexio Frai Luís de Granada, en Sarria, cuxas instalacións permanecen parcialmente apuntaladas, tomou a decisión de aceptar a proposta formulada onte pola tarde pola conselleira de Educación, Carmen Pomar, que implica un traslado "temporal" dos alumnos do centro, ata que terminen as obras previstas no edificio.

A conselleira explicou que lle ofreceu "á comunidade escolar" a posibilidade de trasladarse "temporalmente" a unha parte do mesmo edificio do colexio que "agora mesmo non ten uso" e que non está "afectado polas gretas" que apareceron nas instalacións do centro.

A conselleira precisou que, unha vez realizado o traslado, procederase a realizar no propio colexio "unha intervención preventiva", que consistirá en "reforzar os voladizos da cara exterior do edificio".

Para que os nenos e os profesores estean cómodos mentres teñan que permanecer nesa nova localización, a conselleira precisou que Educación se ocupará de "acondicionar" os espazos, "a nivel térmico" e tamén no que se refire ao mobiliario.

Un dos pais afectados, Fran Pico, explicou que a ANPA tomou a decisión de aceptar a proposta da Consellería de Educación porque opina que é a solución "menos mala" para os nenos.

Nese sentido, explicou que a outra alternativa fose repartir aos nenos por diferentes colexios da zona ata que finalizasen as obras.

Segundo este pai, a Consellería de Educación comprometeuse a habilitar as novas instalacións "o máis axiña posible", para que os nenos non sigan perdendo clases.

En principio, esa parte do inmoble, que é independente do edificio do colexio, non presenta os mesmos problemas de edificación e non se detectaron gretas nas súas dependencias.

Mentres duren as obras, estará "illado", precisou este pai, para quen os nenos non poidan chegar ás zonas nas que se desenvolverán os traballos de rehabilitación.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí