CRTVG

Buscar

A ameaza dunha intervención militar de Trump non frea as protestas

Publicado o 02/06/2020 22:54

As ameazas de Donald Trump de sacar o exército á rúa non parecen frear a vaga de violencia que segue inundando o país de costa a costa. Algúns dos disturbios rematan coma este, con disparos de pistola eléctrica, feitos que provocan máis reaccións en cadea.

Polo momento a Constitución actúa de dique de contención fronte ás intervencións axitadas do presidente estadounidense, que só fai avivar a masa. Máis aínda desde que a autopsia oficial cualificou de homicidio por asfixia a morte de George Floyd.

Biden: Trump está "máis interesado no poder que nos principios"

O presidente estadounidense, Donald Trump, parece "máis interesado no poder que nos principios", afirmou este martes o case seguro candidato presidencial demócrata, Joe Biden, despois que o mandatario ameazou con usar a forza militar para acalar as protestas que axitaron máis de 70 cidades nos Estados Unidos. Trump está "máis interesado en satisfacer as paixóns dos seus votantes que nas necesidades da cidadanía que se lle encomendou".

As protestas volven ao centro de Washington sen poder chegar a Casa Branca

Centos de manifestantes volveron congregarse este martes no centro de Washington nunha protesta pacífica pola violencia policial contra os afroamericanos, pero un enorme valado impediulles achegarse á Casa Branca mentres as autoridades prometían reforzar aínda máis o dispositivo de seguridade. 

Novas protestas en Nova York tras saqueos nocturnos e a pesar de toque de queda

Nova York vive este martes unha nova vaga de protestas cidadás reclamando xustiza e en contra do racismo, pese ao aviso das autoridades de que o coronavirus se pode estender e tras unha noite de saqueos en Manhattan que levou ao alcalde a estender o toque de queda ata o vindeiro domingo nun intento por frear uns disturbios que deixaron partes da cidade moi afectadas e que dispararon a tensión política.

A pesar de que estas protestas diúrnas son pacíficas, o toque de queda, o primeiro na Gran Mazá en case 80 anos, adiantarase ás 8 da tarde, despois de que o luns o groso da violencia comezase xusto á noitiña, antes de que entrasen en vigor as restricións, que foran fixadas para as 11 da noite. N

umerosas tendas do centro de Manhattan, sobre todo establecementos de luxo, foron saqueadas durante a noite, mentres que tamén se rexistraron importantes disturbios en áreas do Bronx, incluídos ataques a polo menos dous axentes de Policía.

Noticias web

02/06/2020