CRTVG

Buscar

A alta carga viral nas augas residuais da Coruña podería ter relación coa presenza da variante británica

Publicado o 02/03/2021 15:19

As augas residuais confírmano: diminúe o ritmo de baixada dos contaxios e aumenta a carga viral do coronavirus na Coruña e na súa área metropolitana.

Margarita Poza, directora do proxecto CovidBens, di: "Temos varios datos consecutivos á alza, a cantidade de virus na auga está aumentando".

Tres veces á semana analizan as augas fecais que chegan á depuradora de Bens, dos 400.000 habitantes da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

"Todas as veces que vimos que subimos a carga viral correspondeuse cunha subida nos casos clínicos, esta vez aínda non o vemos, temos que analizar as tendencias a ver que pasa", explica Poza.

Cren que esa maior carga viral detectada podería deberse á presenza da variante británica do virus. Algo que tamén explicaría, segundo algúns expertos, que a situacion epidemiolóxica na Coruña mellore máis lentamente ca noutras áreas.

"A variante británica permanece máis tempo no corpo dos contaxiados, pode haber unha diferenza de ata 5 días, e iso fai que o ritmo de baixada de contaxios sexa máis lento", explica Manuel Viso, médico especialista en hematoloxía.

O equipo de CovidBens pronto comezará a rastrexar as diversas cepas de covid nas augas residuais. Un paso máis na loita contra o virus na área da Coruña, que segundo o Sergas concentra a terceira parte dos casos activos de toda Galicia.

Noticias web

02/03/2021