CRTVG

Buscar

72.161 galegos votaron xa por correo, case un 80% máis que nas autonómicas de 2016

Publicado o 10/07/2020 18:56

Un total de 72.161 galegos xa enviaron o seu voto por correo para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o vindeiro domingo, 12 de xullo. A esta cifra sumaranse os votos que se depositaron este venres, 10 de xullo, na rede de Correos, no horario habitual das oficinas postais e como máximo ata as 14 horas, prazo límite establecido pola Xunta Electoral Central para o depósito do voto por correspondencia para os comicios galegos.

Esta cifra supón un incremento do 79,52% respecto ao anterior proceso electoral homologable, as eleccións autonómicas galegas que se celebraron en 2016 e, a falta do dato definitivo, xa supón a cifra máis alta de voto por correo rexistrado nuns comicios autonómicos en Galicia, desde a súa primeira celebración tras a aprobación do estatuto de autonomía en 1981.

De todos os votos por correo admitidos, Correos ten xa en custodia, nas oficinas postais de destino, 66.263 sobres cos votos depositados polos electores, preparados para a súa entrega nas 3.952 mesas distribuídas nos 2.400 locais electorais do territorio de Galicia. Concretamente, a 9 de xullo, estaban baixo custodia 25.509 na Coruña; 9.832, en Lugo; 10.199, en Ourense; e 20.723, en Pontevedra.

Correos lembra que realizou 340 contratos de reforzo e aplicou as medidas extraordinarias aprobadas pola xunta electoral central con motivo da pandemia da covid-19. Ademais, Correos aplicou outras medidas como a ampliación de horarios e a apertura en festivos locais e autonómicos, como o 24 de xuño, día de San Xoan, para axilizar ao máximo a xestión do voto por correo, que bateu marca histórica, tanto en número de solicitudes como en voto por correo xa admitido.

De feito, en total admitíronse 77.339 solicitudes (un 60% máis que nas anteriores eleccións galegas de 2016) e máis de 72.671 votos xa foron recoller, segundo os datos provisionais. 

Xornada electoral

Para a xornada electoral do 12 de xullo, a empresa postal pública ten encomendada a misión de entregar os votos cursados por correo nas mesas electorais. Para iso, está previsto un dispositivo loxístico especial, integrado por 1.311 traballadores, entre persoal de repartición e de oficinas, e mobilizará todos os vehículos da súa frota que sexan necesarios para o correcto desenvolvemento da súa misión, 172 deles só en Galicia.

Cando se abran os locais electorais, un primeiro equipo de traballadores da empresa postal entregará os votos en custodia nas 3.952 mesas electorais distribuídas nos 2.400 locais electorais dos 313 municipios de Galicia. Outro grupo de traballadores fará chegar ás mesas electorais aqueles votos por correo que puideran recibirse durante o transcurso da xornada. Por último, un terceiro grupo de traballadores recollerá o denominado 'terceiro sobre' das mesas electorais de todos e cada un dos colexios electorais de Galicia co resultado final do escrutinio.