CRTVG

Buscar

560 gromos activos en España e soben os contaxios en 12 provincias

Publicado o 04/08/2020 14:37

A día de hoxe hai activos un total de 560 gromos da covid-19 en España. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, producíronse 968 novos contaxios, á falta dos datos de Cataluña, Madrid e Navarra.

Segundo o Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias, doce provincias están experimentando unha fase ascendente de contaxios.

As autoridades sanitarias aseguran que se estabiliza a situación en Cataluña, aínda que as cifras seguen sendo elevadas. A pesar de que Sanidade non conta cos datos referentes a esa autonomía, a Generalitat notificaba nas últimas 24 horas 622 positivos e 30 falecidos. O Goberno catalán traballa cos concellos de Ripollet, Terrassa ou Sabadell para facer cribados. En Sabadell, por exemplo, duplicábanse os contaxios nos últimos días.

En Figueres, Xirona, as medidas restritivas impostas desde o 20 de xullo vanse prolongar quince días máis, en vista de que non baixan os contaxios.

A situación en Aragón segue sendo preocupante, a pesar das medidas restritivas para frear os contaxios.

Nas últimas horas, as autoridades informaban de 586 novos positivos. Segue sendo a rexión coa maior taxa de contaxios, que se dispararon nun 800% en tres semanas.

Na residencia de Burbáguena, en Teruel, falecía nas últimas horas unha quinta persoa. Hai 69 contaxiados, 58 deles anciáns. Os bombeiros comezaban este mediodía a desinfectar este xeriátrico.

A Comunidade Valenciana experimentou un importante incremento de casos desde o venres. Suma 523 novos casos e 13 gromos máis.

As últimas cifras sobre Madrid, con 22, falan de 80 contaxiados e 4 falecidos nas últimas 24 horas.

En Andalucía tamén aumentaron os contaxios nos últimos días, máis dun cento. Só en Córdoba detectábanse 28 positivos.

Desde o inicio da pandemia, 297.000 persoas contaxiáronse de coronavirus. 8.935 nas últimas dúas semanas. O 60% dos positivos son asintomáticos.

Noticias web

04/08/2020