CRTVG

Buscar

500 mozos realizan as PCR en Melide, onde os dous gromos suman 17 positivos

Publicado o 19/08/2020 19:56

Os dous gromos de coronavirus detectados no municipio coruñés de Melide ascenderon esta tarde a un total de 17 casos positivos, segundo informa o Servizo Galego de Saúde. 

A rapazada de Melide comezou a desfilar este mércores polo centro de saúde para facer unha proba PCR. Os mozos recibiron cita por teléfono e á chegada presentan un código QR que os identifica. Na primeira quenda van 480 persoas, e hoxe só fallaron dúas. 

Para este xoves hai citados outros 208 mozos, pero hai uns 300 cos que non se puido contactar por non teren o seu teléfono na súa ficha sanitaria. Esas persoas deberían chamar ao centro de saúde para poder facer a proba aínda que non teñan ningún síntoma. Cantas máis mozos fagan a PCR, máis seguros estarán todos na vila.

Paula Boga, supervisora da área de Medicina Preventiva do Hospital de Santiago: "Como temos varios gromos, se esta xente que participa no ocio nocturno toma poucas medidas anticontaxio, que nos saian positivos asintomáticos é posible. É o que buscamos".

Xa son 14 os mozos contaxiados no principal gromo de Melide, posiblemente asociado co ocio nocturno. O outro gromo familiar detectado na vila mantense nos 3 casos.

Outros gromos en Galicia

No resto de Galicia, preocupa a situación de Ourense. Aumentou en 15 os contaxios nas últimas 24 horas e ten o seu primeiro ingreso en UCI nos últimos 3 meses. En toda a provincia hai 145 casos activos. Son máis dos que hai na área sanitaria de Vigo, a pesar de ter a metade de poboación. O gromo familiar de Viana do Bolo mantense nos 13 positivos. Recupéranse todos nas súas casas.

En Vigo hai 138 casos de covid-19. En Pontevedra xa son 51 os sanitarios de Montecelo en corentena preventiva por estar en contacto cun positivo. En total, na área sanitaria hai 94 contaxiados.

O gromo do cámping Muros chega xa aos 10 casos. En total, en toda a área sanitaria de Santiago teñen 91 positivos. En Lugo, os últimos datos falan de 136 afectados polo coronavirus. O gromo que máis preocupa é o de Monforte de Lemos.

 

Noticias web

19/08/2020