CRTVG

Buscar

500 especialistas internacionais póñense ao día en Santiago en materia de infeccións e vacinas

Publicado o 21/11/2019 15:03

Desde o centro de control de enfermidades de Atlanta trae Daniel Payne as últimas investigacións sobre a vacina do rotavirus, un dos principais causantes de ingreso hospitalario pediátrico por diarrea e deshidratación. A vacina, que acaba de instaurarse aquí para os nenos prematuros, non só prevén a gastroenterite.

"Un dos nosos descubrimentos, que foi confirmado polos investigadores de Santiago, é que ao ser vacinado contra o rotavirus hai menos posiblidades de sufrir convulsións", explica Payne, e Federico Martinón, organizador deste encontro de traballo e investigador neste ámbito, detaca outros beneficios inesperados da vacina, ligados á protección fronte á enfermidade celíaca ou á diabetes. "Por iso insistimos desde aquí na necesidade de traballar para que a vacinación contra o rotavirus sexa universal", remarca.

Outro dos temas candentes no encontro sobre enfermidades infecciosas céntrase na busca dunha vacina universal contra a gripe, e desde o hospital Monte Sinaí de Nova York traen boas novas. Adolfo García-Sastre, que investiga o comportamento do virus da gripe, explica que "hai esperanza porque atopamos partes do virus que non mudan, que permanecen aínda que cambie a cepa". E engade que "o obxectivo é atopar unha vacina universal que só se teña que administrar unha vez na vida". Respecto da gripe, Federico Martinón apunta que non só a sociedade en xeral senón tamén o persoal sanitario "subestimamos este virus, e poñerse a vacina diminúe nun 33 por cento o risco de infarto de miocardio".

Máis de 500 especialistas de 15 países abordan entre hoxe e mañá, na facultade de Medicina de Santiago, os principais avances na investigación das enfermidades infecciosas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/11/2019