CRTVG

Buscar

23 concellos galegos están pechados perimetralmente

Publicado o 30/10/2020 21:40

• As xuntanzas quedan restrixindas a conviventes nestes territorios

• O meu concello está pechado, en que casos podo saír?

 

O comité clínico mantén todas as restricións que xa estaban vixentes, e incorpora a maiores o peche perimetral das grandes cidades galegas e dos seus concellos limítrofes, ademais de Vimianzo.

Quere evitar que o virus, que está tendo moita máis incidencia nas zonas urbanas, se expanda polo rural, nunha fin de semana, a de Defuntos, en que hai moitos desprazamentos.

Así que polo menos ata o martes non se poderá entrar nin saír sen xustificación dos municipios confinados perimetralmente, pero si desprazarse entre eles.

É dicir, será posible moverse, por exemplo, entre Pontevedra, Poio ou Marín, pero non saír de aí nin tampouco entrar.

Tamén se pode circular por eses municipios se cadran de paso cara a outro destino, pero non parar, por exemplo, para tomar un café, nin visitar un familiar nin dar un paseo por eles.

E outra cousa que hai que ter clara: neses 23 municipios pechados non se poden xuntar máis que as persoas conviventes. Quedan prohibidas as reunións con outros familiares ou con amigos.

Sergio Vázquez, membro do comité clínico explica que "isto é moi importante, sobre todo nesta fin de semana que coinciden dúas festividades importantes: a de Todos os Santos, e Halloween, que como sabemos xunta os mozos que non son conviventes e pode ser unha fonte de contaxio".

Coma sempre hai excepción á limitación da mobilidade. E unha delas é a de poder regresar ao lugar de residencia despois do traballo ou os estudos.

É dicir, os estudantes poden volver ás súas casas. Pero Sanidade lánzalles unha mensaxe clara.

"Eu anímoos a que permanezan nos seus domicilios, cos conviventes que están agora, e non expoñan as súas familias a un risco innecesario, que é do que se trata", manifestou Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade.

Estas restricións, que lle afectan ao 45% da poboación galega, estarán vixentes ata o martes, e aí revisaranse dependendo de como vaia a evolución da pandemia en Galicia.

Noticias web

30/10/2020