CRTVG

Buscar

200 persoas participarán en Vigo na primeira festa silenciosa de Galicia

Publicado o 12/07/2019 17:09

Estas caixas veñen cheas de música e de silencio. Todo ao mesmo tempo. Traen máis de douscentos auriculares dende Valencia. Traen a ferramenta indispensable para unha festa silenciosa.

"Facemos desfrutar do silencio."
"Só involucrado na música."

Soa contraditorio: unha festa con música alta pero sen nada de contaminación acústica.

"Todo nun contorno de silencio, pero con duascentas persoas que van desfrutar da música."

Será xente bailando coma nunha discoteca, pero sen ruído, sen molestar os veciños.

"A diferenza desta festa silenciosa é que por primeira vez teremos tres picadiscos, cada un dun estilo, e con estes cascos cada persoa pode elixir o tipo de música que quere."

Tres picadiscos simultaneamente. Cada un coa súa cor. Poderase conectar co azul, poderase botar un tempo cun estilo coma o vermello e de súpeto cambiar ao DJ da cor verde.

"Eu vou ser o verde. Picarei algo de música comercial, da que adoitamos oír na radio."

A moda das festas silenciosas espallouse desde Londres e Os Ánxeles por todo o mundo. Borja xa estivo nalgunha, pero non foi como picadiscos. "Foi como público, concretamente en Mallorca, nunha terraza a pé de mar. A xente estaba moi involucrada."

A ver en Galicia como encaixa o modo festa silenciosa. "Non escoitas nada. Podes ter un compañeiro ao lado e, como teñas os cascos postos, non escoitas nada."

Visto así semella que este sistema pode limitar a interactuación entre as persoas, pero "non limita porque ti podes quitalos cando ti queiras", explican.

Quitar os cascos no medio da festa e non ter que falar a gritos para ser escoitado. A calidade do silencio.
 

Noticias web

12/07/2019