CRTVG

Buscar

200 pacientes sométense a radiocirurxía en Galicia cada ano

Publicado o 07/01/2020 14:48

200 pacientes sométense cada ano en Galicia a radiocirurxía, unha técnica que se aplica no Meixoeiro de Vigo e no Clínico de Santiago para tratar, sobre todo, metástases cerebrais, meninxiomas e neurinomas. Trátase de radiación externa a unha dose moi alta nun punto moi preciso e moi pequeno, segundo explica o radioterapeuta do CHUS Luis Cascallar, que engade que a vantaxe "é que se fai desde fóra, non necesitamos abrir nin operar ao paciente".

Dese xeito evítanse os principais riscos dunha operación aberta, como as infeccións ou as hemorraxias. Ademais ofrece vantaxes en localizacións de tumores no cerebro de moi difícil acceso, é indolora e coa tecnoloxía actual o tempo de intervención é moi curto.

"Actualmente faise con máscaras para fixar a posición, co que non molesta, e o tratamento dura arredor de media hora, non doe nin molesta".

A efectividade da radiocirurxía supera o 80 por cento como técnica de control local das metástases en pequenas lesións. De feito, as metástases cerebrais son aproximadamente a metade de todas as doenzas que se tratan con esta técnica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2020