CRTVG

Buscar

17 adestradores pasaron polo banco do Celta desde que Mouriño é presidente

Publicado o 13/11/2020 16:46

Mouriño chegou co equipo derriba do autobús de Europa trala temporada 2005-2006, e cun adestrador galego no banco, Fernando Vázquez. Nada podía ir mal, pero foi.

Vázquez non rematou a campaña e a Mouriño enchéulle o ollo un famoso. Stoichkov non salva do descenso e xa na Segunda tampouco remata a temporada. Por aquel calvario da 2007-2008 pasaron López Caro, Antonio López e Alejandro Menéndez. O equipo nos ascende.

De 2008 a 2009 Mouriño proba primeiro con Pepe Murcia. Non remata o curso e chega o arrecendo culé de Eusebio Sacristán. Tampouco asoma o ascenso pero recunca nun segundo intento. Fracaso e novo troco.

Era o momento de Paco Herrera, o acerto máis sonado do presidente. Roza o ascenso en 2011 e dá na díana doce meses máis tarde co devecido ascenso.

A Herrera acabóuselle o crédito pouco despois. Non termina a temporada 2012-2013 e Abel Resino chega a tempo para evitar a caída á Segunda.

Resino non segue e a Vigo voa Luis Enrique. De novo o espíritu de Can Barça, daquela tan do gusto do presidente. O asturiano fai unha boa campaña, o Celta remata noveno e o seu traballo fai de trampolín para o Barcelona.

O elixido para rotar a Luis Enrique foi Berizzo. O arxentino trae tres anos de estabilidade, bo fútbol e unha eliminación épica na Europa League contra o Manchester do outro Mourinho.

Un desacordo de cartos elimina a Berizzo da ecuación celeste e Mouriño repite co Barça. Chega Unzué con resultados sosos na Liga 2017-18. Despois un arxentino de gustos praieiros e pouco traballo que non remata a campaña 2018-19. O portugués Cardoso sen demasiado que contar, e un profesoral Escriba sen continuidade entre teoría e práctica. Porén, evita o descenso e arranca o seguinte campionato. Para non rematalo. Óscar García salva o descenso ao límite na 2019-2020 pero tampouco acaba no segundo intento. O patrimonio medra, pero no edificio futbolístico de Mouriño as humidades son moitas e a estrutura non gaña para remendos.

Noticias web

13/11/2020