CRTVG

Buscar

16 hospitalizados, 5 na UCI, por un gromo de meninxite asociado a mosquitos en Sevilla

Publicado o 12/08/2020 17:46
16 hospitalizados, 5 na UCI, por un gromo de meninxite asociado a mosquitos en Sevilla

Aedes japonicus

O alcalde de Coria del Río (Sevilla), Modesto González, pediu aos veciños "calma" tras os 18 casos de meningoencefalite vírica rexistrados na zona, que levou a 16 persoas a ingresar en centros sanitarios, cinco delas na UCI.

Nun comunicado, o alcalde solicitou aos veciños da localidade que, "na medida do posible, cumpran as recomendacións realizadas pola autoridade competente en canto a evitar as zonas de risco e protexerse de posibles picaduras" dos mosquitos aedes japonicus, invasores sospeitosos de ser os causantes do coñecido como 'virus do Nilo'. 

Os 18 casos do novo virus detectáronse en Coria del Río, con case 31.000 habitantes, e La Puebla del Río, con 12.000 residentes, localidades situadas xunto ao Guadalquivir.

A Consellería de Saúde aínda está a analizar a orixe da enfermidade e realizou enquisas epidemiolóxicas orientadas a detectar algún vínculo común. Tras poñerse ao dispor da Consellería, o alcalde solicita á Junta de Andalucía que se informe de calquera avance ou retroceso, así como de calquera incidencia respecto diso, e mostra o seu apoio aos afectados "para o que necesiten".

Tamén quere pedir "calma á poboación para que, entre todos; veciños, goberno local e autonómico, de forma inmediata e coordinada, se tomen todas as accións oportunas para poder afrontar e superar a situación canto antes".