CRTVG

Buscar

136 vivendas das Illas Atlánticas poderán optar a axudas para a súa rehabilitación

Publicado o 06/02/2019 16:16

136 vivendas en total do Parque Nacional das Illas Atlánticas poderán optar a axudas de, polo menos, 16.000 euros para acometer a súa rehabilitación.

Será grazas á declaración deste parque como Área de Rehabilitación Integral, a primeira de carácter insular das 130 que existen en Galicia. Ademais de protexer o patrimonio, estas achegas teñen como obxectivo a dinamización turística das illas.

Ons, Cíes, Cortegada e Sálvora conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, no que existen un total de 136 casas. A maior parte delas, un cento, están en Ons, onde en época estival chegan a vivir unhas seiscentas persoas. Agora os propietarios destas vivendas poderán optar a axudas para rehabilitalas.

O Instituto de Vivenda e Solo tramitará a solicitude de axudas a partir de abril. Un mes despois de rematadas as obras os propietarios recibirán unhas achegas, que cubrirán o 50 % por cento da rehabilitación, e en casos excepcionais ata o 75. A declaracion das Illas como Área de Rehabilitacion Integral, a primeira de carácter insular, pretende a proteción e dinamización do Parque Nacional, un paso máis no traballo porque sexa declarado Patrimonio da Humanidade.

Noticias web

06/02/2019