CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Victoria Rodríguez, directora do 'Galicia por diante fin de semana', finalista do Premio Periodístico da Sociedade Española de Cardioloxía

19/10/2020

Cada domingo, este magazine da Radio Galega conta coa participación do cardiólogo José Ramón Juanatey

Victoria Rodríguez, directora do 'Galicia por diante fin de semana', finalista do Premio Periodístico da Sociedade Española de Cardioloxía

Santiago, 19.10.2020.-    O espazo 'Sabes como facer reanimación cardiopulmonar básica? Onde están os desfibriladores? Reclámaos', emitido no programa 'Galicia por diante fin de semana' da Radio Galega, é un dos finalistas do Premio Periodístico SEC-FEC, da Sociedade Española de Cardioloxía.

O espazo, realizado por Victoria Rodríguez, conta coa colaboración do cardiólogo José Ramón Juanatey, chega deste xeito á fase final na categoría 'Medios Audiovisuais', onde compite con dúas reportaxes de Castilla-La Mancha Media Radio e Antena 3 Noticias.

Os premiados coñeceranse durante o e-Congreso SEC 2020 da Saúde Cardiovascular, que se celebrará o vindeiro 29 de outubro. Este Premio Periodístico SEC-FEC ten como obxecto recoñecer xornalistas que co seu traballo constribúen a ampliar a difusión do coñecemento das enfermidades cardiovasculares entre a poboación xeral e os sectores especializados.

A Radio Galega emite 'Galicia por diante fin de semana' os sábados e domingos entre as 8.00 h e as 12.00 h do mediodía. Os dous días realízase unha entrevista en profundidade ás once da mañá e reportaxes de temas de actualidade. En canto ás colaboracións, os sábados fálase de lingua galega na sección 'Apalabradas' e de gastronomía en 'A gusto de Vieira'. O domingo é o día para falar de viaxes, de cardioloxía e de dereito.