CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG percorrerá Galicia co autobús de 'Anacos de vida' na procura de historias agochadas detrás de fotos antigas

17/10/2019

Cada semana, o novo programa chegará a unha vila para descubrir esas historias que non se ven nos libros nin se contan na televisión

A TVG percorrerá Galicia co autobús de 'Anacos de vida' na procura de historias agochadas detrás de fotos antigas

Santiago, 17.10.2019.-   O novo programa da TVG, 'Anacos de vida', que se estreou este sábado ás 19.15 h, percorrerá diferentes vilas e aldeas de Galicia na procura das historias que se agochan detrás das fotografías antigas. Os presentadores Aser Álvarez e Alba Prol viaxarán ao pasado nun autobús clásico para enchelo de fotos antigas de todas as viaxes que van realizar. 

A protagonista do primeiro programa foi Noia, vila onde se fixo unha preestrea o pasado vernes no Coliseo Noela. A este acto asistiron os protagonistas dos capítulos, os centros educativos colaboradores, outros participantes do programa.  Para coñecer todos os detalles do pase especial deste venres e contalos en directo na Galega, o programa 'Fun polo aire' estableceu pola tarde conexións en directo con Noia.

En cada entrega de 'Anacos de vida', de Arraianos Producións para TVG, veciños de distintas vilas realizarán unha viaxe no tempo na que terán protagonismo tres imaxes e tres historias: a foto do pasado, a foto por facer e a foto misteriosa. A través destas fotografías observarase como cambiaron os espazos, as festas, a música, a xuventude e a vida cotiá, co obxectivo de recuperar o relato dun pobo a través das mellores fotos antigas e das historias que agochan. Neste programa interactúan os maiores e os máis novos; os primeiros son os que coñecen estes relatos que non saen nin nos libros nin na televisión e os máis novos son os que buscarán as mellores fotos e historias dos seus concellos.

No primeiro programa deste sábado os televidentes coñeceron a historia de Pepe Barrio, un dos noieses máis respectados e queridos da vila, ou a homenaxe que a vila lle está organizando a Angelita e a Pepa, dúas mulleres que axudaron a vir ao mundo a moitos veciños e veciñas.