CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Tras a despedida de 'Serramoura', este domingo chega á TVG 'A Lei de Santos', spin off co célebre chatarreiro como protagonista

28/10/2020

Os espectadores verán como volve á súa vila natal, Viladesantos, onde non é ben recibido por ninguén e onde a súa chegada coincide coa misteriosa morte dun dos veciños

Tras a despedida de 'Serramoura', este domingo chega á TVG 'A Lei de Santos', spin off co célebre chatarreiro como protagonista

Santiago, 28.10.2020.-    O domingo pasado, a serie ‘Serramoura’ despediuse para sempre dos espectadores da Televisión de Galicia, pechándose así o percorrido deste thriller rural, que se estreou en outubro de 2014 e que foi durante seis anos o produto estrela no prime time dos domingos, onde conseguiu grandes cotas de audiencia.

Pero o último capítulo de ‘Serramoura’, que se pode ver de novo no apartado ‘Á Carta’ da web da CRTVG, gardaba unha importante noticia para os seus seguidores, xa que o particular universo desta ficción non se pecha, senón que del xorde ‘A Lei de Santos’, un spin off que ten como protagonista o célebre chatarreiro, interpretado por Monti Castiñeiras, e que chegará á pantalla da Galega o domingo 1 de novembro.

Nesta nova serie, os espectadores verán como, despois da súa marcha da vila madeireira de Serramoura, Mario Piñeiro, alias Santos, volve á súa vila natal, Viladesantos, o lugar onde medrou e onde ten amigos, inimigos e familia.

O regreso do fillo pródigo esperta as suspicacias de moita xente. Non é ben recibido por ninguén, especialmente polo único familiar que lle queda vivo: o seu tío, Constante Folgoso, párroco de Viladesantos. Porque, aínda que Santos sempre asegurou que medrou nunha contorna criminal, a realidade é moi diferente: de neno mesmo foi sancristán.

A súa chegada a Viladesantos coincide coa misteriosa morte dun dos seus veciños, un suceso inédito na vila, polo que todas as sospeitas se depositarán sobre Santos. Pero o verdadeiro obxectivo do seu regreso é outro: Santos quere dar un novo golpe, o último. Cal será o seu plan?

A nova ficción de Televisión de Galicia conta coa presenza de Xabier Deive e de Andrés Giráldez, que lles daban vida en ‘Serramoura’ aos personaxes de Pancho e de Peixe, respectivamente. Sonia Castelo, Iria Sobrado, Lidia Veiga, Federico Pérez, Victoria Teijeiro, Carlos Villarino, Mercedes Castro, Marcos Viéitez, Xoán Fórneas, Adrián Ríos e Marta Doviro, entre outros, completan o elenco de ‘A Lei de Santos’.