CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os programas "A Liga das Cidades", da TVG, e "Galicia en Goles", da Radio Galega, galardoados pola Asociación de Clubes de Fútbol

18/06/2011

 

Os Premios "Galicia en Goles" recoñeceron os mellores equipos e deportistas da temporada 2010-2011

 

Os programas "A Liga das Cidades", da TVG, e "Galicia en Goles", da Radio Galega, galardoados pola Asociación de Clubes de Fútbol

 

Santiago, 18.06.2011.- A Asociación de Clubes Galegos de Fútbol entregou onte á noite no Hotel Congreso de Santiago os Premios "Galicia en Goles", que recoñecen os mellores equipos e deportistas da temporada 2010-2011. O programa "A Liga das Cidades", da Televisión de Galicia, e "Galicia en Goles", da Radio Galega, foron galardoados pola súa oferta deportiva e por incorporar aos seus contidos os dous partidos máis sobranceiros da Rexional Preferente. O presentador de "A Liga das Cidades", Oscar Benito, recolleu o premio á TVG, mentres que o xefe de Deportes da Radio Galega, Xesús Lodeiro, fixo o propio co galardón á emisora pública.

No acto da Asociación de Clubes tamén se recoñeceu a traxectoria deportiva do presidente do Deportivo da Coruña, Augusto César Lendorio, como mandatario con máis anos no cargo na Primeira División de fútbol. Ademais, o Olivo de Vigo obtivo o seu galardón ao conseguir nesta temporada o ascenso á Superliga Feminina.

A entrega dos trofeos contou cunha presenza moi especial, a da Copa do Mundo de fútbol, gañada pola selección española o ano pasado en Suráfrica, que, despois de visitar durante a mañá as instalacións da Radio Galega, foi traslada ao Hotel Congreso para presidir a gala.