CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os membros do 'Larpeiros Social Club' irán esta semana ao mar e á montaña

19/11/2019

Cunha das cociñeiras galegas máis recoñecidas, Beatriz Sotelo, Adrián intentará pescar algunhas xardas, para logo facer con elas unha empanada (22.05 h)

Os membros do 'Larpeiros Social Club' irán esta semana ao mar e á montaña

Santiago, 19.11.2019.-    Hai países enteiros que non teñen mar. Seica son máis de 40, como Suíza ou Mongolia. E outros, como Dinamarca, non teñen nin unha soa montaña, son planos, como unha filloa. En Galicia, en cambio, hai de todo, aínda que estea mal gabarse.

Percorrer o noso país sempre é unha aventura, e se non que llo digan a Merchi, unha das integrantes do ‘Larpeiros Social Club’, que hoxe vai ata Friol para montar a cabalo, ir en carro e coñecer un gandeiro con gran tradición familiar. Pola súa parte, Adrián sairá ao mar cunha das cociñeiras galegas máis recoñecidas, Beatriz Sotelo. Xuntos, intentaran pescar algunhas xardas, para logo facer con elas unha empanada.

Mentres, no ‘Club Social’, os ‘Larpeiros’ irán enredando o día entre olas e perolas, porque cociñar un estufado como debe ser, leva o seu tempo. Ademais, non faltarán músicos de grande prestixio e Larpeiros de Honra, como Benigno, que salvará o día e fará as delicias de todos coa súa visita sorpresa.