CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos desenvolverán un plan de cobertura electoral de máis de 40 horas ata o 24-M

05/05/2015

Porase en marcha un amplo dispositivo para ofrecer programas especiais, información diaria, oito debates e 44 entrevistas aos candidatos das sete cidades 

Ás 23.58 h. deste xoves comeza a campaña electoral, coa tradicional pegada de carteis e respectivos especiais informativos na Radio Galega e na TVG

Os medios públicos galegos desenvolverán un plan de cobertura electoral de máis de 40 horas ata o 24-M

Santiago, 05.05.2015.- A Radio e a Televisión de Galicia desenvolverán un plan de cobertura Electoral de máis de 40 horas, desde o inicio da campaña ata a xornada dos comicios municipais, o próximo 24 de maio. Este abrangue a difusión das campañas institucionais, espazos gratuítos de propaganda electoral, programas especiais de inicio e peche de campaña, bloques informativos diarios de seguimento da actividade dos partidos e os seus líderes, un amplo dispositivo encamiñado a ofrecerlle ao público un total de oito debates en radio e televisión sobre as eleccións locais referidas ás sete principais cidades de Galicia, e 44 entrevistas a representantes das principais forzas parlamentarias que actualmente contan con representación nas sete cidades e que concorren coas mesmas formacións ao proceso actual. 

Para este plan de cobertura informativa das eleccións locais do 24-M, os medios públicos galegos fan compatibles, por unha parte, os requisitos establecidos pola Lei Orgánica 5/85 do Réxime Electoral Xeral, máis a súa doutrina e xurisprudencia, así como as instrucións emanadas polas xuntas electorais Central e Galega, e pola outra os principios de programación e demais normas recollidas na Lei 9/84 de Creación da CRTVG e na Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual. 

Os medios dependentes da CRTVG planificaron a cobertura informativa destes comicios tratando de prestar o mellor servizo público, dentro das súas posibilidades e ámbito de cobertura, para fomentar a participación, contribuír ao debate e á formación da vontade popular, e garantir o respecto aos principios de pluralismo, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa. Todo isto sen renunciaren aos principios básicos do labor xornalístico que obrigan ao exercicio do mesmo dentro dos parámetros da deontoloxía profesional e do deber de informar, así como de facelo dun xeito atractivo para o público ao tempo que solvente. 

Debido ás características territoriais destes comicios, os medios públicos galegos prestarán atención tamén á actualidade electoral que emana desde outras cidades españolas e comunidades autónomas, así como á actividade dos principais partidos políticos en todo o Estado. 

O criterio xeral establecido para a distribución de tempos de emisión nos distintos espazos informativos será o de proporcionalidade sobre os resultados dos mesmos comicios equivalentes anteriores, do ano 2011. Os debates serán sete na Televisión de Galicia, un por cidade, e neles estarán convocadas as forzas políticas que obtiveron representación daquela e que se presentan novamente. Desta maneira poderán participar os representantes de Partido Popular, PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego agás en Ourense, onde a maiores será convocado Democracia Ourensana. Ditos faladoiros gravaranse a partir deste venres, día 8, e emitiranse a partir do luns 11, cada noite ás 22.50 h. na tvG2. Na Radio Galega, pola súa parte, emitirase un debate de política xeral municipal o xoves 21 ás 22.00 h..

En cumprimento do disposto pola Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, e de acordo coas solicitudes que cursou a Dirección Xeral de Política Interior do Ministerio do Interior, a Radio Galega e a Televisión de Galicia emitirán tamén as cuñas e os anuncios de carácter gratuíto da campaña institucional do Goberno, orientada á información sobre as listas do censo electoral, voto por correo e mecánica de votación.  

Pegada de carteis 

A TVG e a Radio Galega realizarán a cobertura da apertura de campaña con respectivos especiais Informativos, ás 23.58 h. deste xoves á noite, día 7 maio. Estes espazos daranlle cobertura, en directo, á pegada de carteis dos líderes do PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG, por esta orde, e co tempo proporcional, segundo os resultados obtidos polas tres forzas políticas en Galicia nos anteriores comicios equivalentes.

Deste xeito, seguirase o criterio que contempla a Instrución 4/2011 da Xunta Electoral Central modificada pola Instrución 1/2015, respecto á orde da información, de maior a menor, é dicir, comézase coa forza máis votada nos comicios anteriores. 

O Especial Informativo da Televisión de Galicia estará presentado por Carlos Amado e terá unha duración total de 10 minutos. Pola súa parte, na Radio Galega o espazo de inicio de campaña estenderase a 20 minutos, conducido por Xosé Valiñas.