CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os medios públicos galegos danlle visibilidade á celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero

24/11/2020

A TVG estrea hoxe o documental ‘Tódalas mulleres que coñezo’ e emite contidos relacionados con esta data, así como a campaña institucional de concienciación

A Radio Galega e as canles dixitais da Corporación visibilizarán tamén durante toda a semana os actos e colectivos que traballan na sensibilización e atención arredor desta eiva

Os medios públicos galegos danlle visibilidade á celebración do Día Mundial contra a Violencia de Xénero

Santiago, 24.11.2020.-   A CRTVG dálle estes días visibilidade ao 25-N, o Día contra a Violencia de Xénero, ofrecendo contidos relacionados con esta data nos seus programas e espazos informativos e emitindo a campaña institucional de sensibilización da Xunta de Galicia, que busca a implicación da sociedade na loita contra esta eiva.

Hoxe mesmo, véspera do 25 de novembro, a G2 ofrece o documental ‘Tódalas mulleres que coñezo’ (23.00 h), dirixido por Xiana do Teixeiro, que conseguiu o Premio do Público no Festival Primavera do Cine de Vigo e no Alcances de Cádiz e que ofrece tres discusións interconectadas sobre violencia, xénero e espazo público. Nel, cinco amigas comparten vivencias nunha conversación íntima que é gravada e amosada nunha reunión de mulleres e posteriormente nunha clase de Bacharelato, cos consecuentes debates.

Magazines e espazos da TVG e a RG súmanse á iniciativa

O xoves 25-N, boa parte do tempo do magazine matinal ‘A Revista’ estará dedicado a distintas iniciativas arredor deste día. O programa estará en directo na praza do Concello de Burela, onde Bumei, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela, instalará unha mesa informativa, e na localidade de Rianxo, onde as integrantes do colectivo Ondiñas Mainas participaron no proxecto ‘Madejas contra la violencia’ tecendo unha bufanda de 40 metros. Ademais, o espazo da TVG contará coa presenza da presidenta da asociación Si Hai Saída contra a Violencia de Xénero, Marta Rodríguez Engroba.

Pola súa parte, neste día de loita contra a violencia machista, o programa 'Vivir Aquí' daralle voz a unha muller que tivo que pasar por esta situación e aos servizos que a axudaron e lembrará a magnitude que as ameazas ás mulleres seguen a ter na sociedade actual. Policías, xuíces e servizos sociais constatan nos seus informes deste ano que a pandemia do coronavirus complicou especialmente a vida das mulleres maltratadas.

No tempo para a cultura do espazo da TVG ‘Zigzag’, ademais de achegarse a distintos títulos literarios relacionados con esta data, o programa comprobará como nos últimos anos os homes directores galegos incorporan a loita contra o patriarcado nos temas dos seus filmes. É o caso de Álvaro Gago, que está ás portas dos Goya coa súa curtametraxe ‘16 de decembro’, un relato cru sobre a violencia machista. Tamén o magazine da tarde ‘Quen Anda Aí?’ se implicará nesta acción de visibilización.

Polo que respecta á Radio Galega, está a ofrecer durante toda esta semana contidos relacionados co Día contra a Violencia de Xénero, dando voz a colectivos que organizan actos de concienciación e reivindicación e contando tamén con testemuñas en primeira persoa que sufriron este maltrato. Tamén as distintas redes sociais da Corporación súmanse ao labor de sensibilizar e difundir a necesidade de loitar contra a violencia de xénero.

Cada ano, os medios públicos galegos colaboran na difusión dos actos que se celebran o 25-N. E ao longo do ano, a CRTVG -que informa de todos os casos e da existencia do teléfono de atención 016 ás vítimas da violencia de xénero- aplica no seu labor as recomendacións sobre o tratamento informativo da violencia contra as mulleres do Consello de Administración da Corporación, documento que é accesible no Portal de Transparencia. Así mesmo, a CRTVG forma parte do Observatorio Galego de Violencia de Xénero e participa nas reunións periódicas da comisión específica creada para detectar e retirar os contidos e mensaxes publicitarias sexistas que promovan a discriminación sexual.