CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O partido Málaga - Lugo abre este venres na Radio Galega o 'Galicia en Goles' da fin de semana

26/11/2020

O sábado destaca o derbi Compostela - Pontevedra e o domingo, o Celta - Granada e o Deportivo - Rácing de Ferrol

O partido Málaga - Lugo abre este venres na Radio Galega o 'Galicia en Goles' da fin de semana

Santiago, 26.11.2020.-   O ‘Galicia en Goles’ desta fin de semana comeza o venres ás 20.30 h coa retransmisión do partido da Segunda División A entre o Málaga e o Club Deportivo Lugo. O empate do martes ante o Oviedo deixa o equipo de Mehdi Nafti na zona media, mentres o seu rival está nunha situación semellante, cun punto de vantaxe.

O sábado, desde as 15.00 h, a emoción da xornada pasará polo Vero Boquete de Santiago, onde o Compostela e o Pontevedra disputarán un derbi de rivalidade que chega no mellor momento para o cadro granate, líder da Segunda B. No polideportivo destacan o Cangas - Nava, de balonmán, e o Parrulo - Peñíscola, de fútbol sala.

Xa o domingo, ás 12.00 h, o Coruxo e o Guijuelo serán os protagonistas do encontro destacado da xornada matinal, mentres que pola tarde o interese estará repartido entre o Celta - Granada, da Primeira, e o derbi de proximidade Deportivo - Rácing de Ferrol. O programa tamén estará atento ao Salamanca - Celta B e a toda a xornada da Terceira.

Ademais do ‘Galicia en Goles’, a Radio Galega ofrece durante a fin de semana outros espazos de temática deportiva. O sábado concentra un total de tres, sendo o primeiro ‘Convivir Deportivo’, ás 13.00 h. Alfonso Pardo visita nesta ocasión Cariño para darlle voz á disciplina da columbofilia. Pola noite, ás 23.00 h, Rodrigo Pérez resume a actualidade do motor no ‘Gas a Fondo’ e, a partir das 20.30 h, Pedro Pablo Alonso presenta esta semana ‘Galicia en Toquio’, onde a nadadora Bea Gómez será unha das protagonistas.

O domingo, cando remate o día, ‘Ao Contraataque’ chegará ás 23.00 h coa mesa de debate máis entretida para analizar o sucedido cos equipos galegos.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega chegan á audiencia a través da FM, TDT, radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e os altofalantes Alexa.