CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O grupo Clásicos Libres gaña co tema 'Ferrol 1916' o concurso 'Musicando Carvalho Calero', posto en marcha pola RG e AGAL

30/10/2020

O tema, que fusiona sonoridades pop/rock con matices da música celta, foi o que acadou maior puntuación na fase de votación popular realizada sobre as dez cancións finalistas, elixidas por un xurado profesional

Esta iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas

 

O grupo Clásicos Libres gaña co tema 'Ferrol 1916' o concurso 'Musicando Carvalho Calero', posto en marcha pola RG e AGAL

Santiago, 30.10.2020.-    Este venres coñeceuse o nome da formación gañadora do concurso 'Musicando Carvalho Calero', posto en marcha pola Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) para dar a coñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas. O grupo Clásicos Libres, co tema ‘Ferrol 1916’, baseado nun poema do autor, foi o que maior puntuación acadou na fase de votación popular posta en marcha a principios deste mes na páxina web http://carvalho2020.gal, onde se pode consultar a clasificación dos dez finalistas, elixidos por xurado profesional entre os 80 temas que se presentaron a concurso.

Liderada polas irmás galegas Adriana e Ánxela Arias, Clásicos Libres é unha formación internacional de músicos de influencia clásica, que emprenden con este proxecto unha viaxe na procura das posibilidades que ofrecen os diferentes xéneros. Neste caso fusionaron sonoridades pop/rock con matices de música celta, tan característicos da música popular galega, e para isto escolleron ‘Ferrol 1916’. O tema foi composto polo italiano Giulio Pietropaolo Castellani e conta tamén coa participación do baixista colombiano-alemán Raúl Mauricio Platz Marroquín e do guitarrista turco Özdemir Kalyoncu.

Máis de 4.000 persoas participaron nas votacións dun certame en que quedou en segunda posición A Banda da Loba con ‘O sonho da Catarina’ e, de terceiro, Dandy Fever, con ‘Calquer lugar é bom para morrer’. O premio para o grupo gañador, por parte da CRTVG, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. Ademais, poderá gravar o seu tema nos estudios da Radio Galega, incluída a realización dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio en metálico de 1.500 €.