CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O debate electoral dos medios públicos galegos liderou a noite en Galicia e foi 'trending topic' número 1 en España

13/09/2016

Acadou unha cota de pantalla do 15,3% e chegou a ser contactado por 475.000 espectadores

En dúas horas e media de programa a audiencia media foi de 151.00 persoas, fronte ás 147.000 do seguinte programa no prime time

En Twitter, o cancelo #debatecrtvg acumulou 21.000 chíos que deron lugar a unha audiencia de 9 millóns de usuarios/as

 

 

O debate electoral dos medios públicos galegos liderou a noite en Galicia e foi 'trending topic' número 1 en España

Santiago. 13.09.2016.- O programa especial "Eleccións Galicia: Debate" emitido onte pola Televisión de Galicia e a Radio Galega foi o programa máis visto durante a faixa de emisión prime time televisiva e o segundo programa de maior audiencia en Galicia de todo o día. Nas máis de dúas horas de emisión acadou unha audiencia media de 151.000 espectadores e unha cota de pantalla do 15,3%, fronte a 147.000 espectadores que obtivo a seguinte opción, "Mi casa es la tuya" de Telecinco. En total 475.000 galegos foron espectadores nalgún momento do programa, o 18% da poboación de 4 e máis anos.

Ao longo da súa emisión o programa acadou picos de cota do 21,3% (ás 22:29) horas e picos de audiencia de 230.000 telespectadores (ás 22:26 e 22:27). Compre salientar que unicamente un minuto na emisión de Tele5 superou esta audiencia de 230.000 espectadores neste mínimo espazo de tempo. Mentres o debate da TVG e "Mi casa es la tuya" coincidiron en antena a audiencia de TVG foi moi superior á de Telecinco, practicamente dous puntos de cota de pantalla e case 30.000 telespectadores de diferencia.

Canto ao balance de audiencia dixital a través do cancelo #debatecrtvg, un total de 21.000 chíos foron rexistrados por parte de 4.000 usuarios, o que deu lugar a unha audiencia de 9 millóns de usuarios/as e 45 millóns de impresións. Foi trending topic número 1 a nivel estatal. Os picos de audiencia social foron de 21.45 a 22.00 horas e de 22.45 a 23.00 horas con máis de 2.200 chíos en cada período.

O martes, o día seguinte ao debate, o cancelo #debatecrtvg atopábase no posto 120 de tendencias a nivel mundial, xa que foi trending topic durante 3 horas e 30 minutos. E en España pechou ese día no quinto posto, despois de ser tendencia durante 10 horas e 15 minutos.

O debate, que tamén se emitiu polas canles de TVG para Europa e América e por streaming en www.crtvg.gal, a esas horas impoñíase como tendencia en Twitter mesmo por riba de programas das canles comerciais estatais como "First Dates", "Mi Casa es la Tuya" ou "Mar de Plástico". En canto á incidencia xeográfica, ademais de Galicia o programa rexistrou especial actividade en Madrid e Barcelona e presencia destacable diversas zonas do mundo, sobre todo en Europa occidental e América.

Galería de imaxes