CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O colaborador da RG Fernando Franjo recibe o Premio Europeo ECTN por un proxecto sobre os cafés históricos na Península Ibérica

27/10/2020

O xornalista e investigador galego, que intervén quincenalmente no programa ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, desenvolveu esta iniciativa conxuntamente co presidente da Asociación Portuguesa de Cafés con Historia, Vitor Marques

O colaborador da RG Fernando Franjo recibe o Premio Europeo ECTN por un proxecto sobre os cafés históricos na Península Ibérica

Santiago, 27.10.2020.-    O xornalista, historiador e colaborador da Radio Galega Fernando Franjo, que intervén quincenalmente no programa ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, presentado por Victoria Rodríguez, acaba de recibir o Premio Europeo de Turismo Cultural ECTN 2020 polo proxecto ‘Os cafés históricos na Península Ibérica’, unha iniciativa con selo galego-portugués, que desenvolveu conxuntamente co presidente da Asociación Portuguesa de Cafés con Historia, Vitor Marques.

Este proxecto, que busca a creación dunha rede ibérica de cafés históricos, alzouse co premio na categoría de ‘Temática Turística Internacional Roteiros Culturais’ e ten como principal obxectivo a promoción dun itinerario transnacional de cafés entre España e Portugal. Esta proposta pioneira afonda na definición e na visibilización do considerado café histórico, destacando a súa importancia para o turismo sostible e cultural, así como o seu valor patrimonial material e inmaterial para cada unha das súas comunidades.

Franjo, o único español que figuraba entre todas as candidaturas presentadas nesta edición, amosou a súa satisfacción polo éxito obtido e cualificouno como un recoñecemento a un labor realizado nos dous países a prol da divulgación deste legado do café e do seu contido social, cultural e turístico. “O café histórico non é só unha viaxe ao pasado. Temos que saber que é, que buscamos e que atopamos nel. En definitiva, coñecer o seu valor social e cultural como etapa dunha viaxe en clave de café tanto na Península Ibérica como no conxunto de Europa”, apuntou.

No acto de entrega do premio ECTN 2020, os dous responsables do proxecto desta ruta cultural manifestaron que esta proposta transnacional entre España e Portugal presta especial atención ao itinerario de cafés que discorre polos distintos Camiños de Santiago, primeiro Roteiro Cultural do Consello de Europa.  

Co título ‘Desenvolvemento e promoción do turismo de interese especial baseado no patrimonio cultural’, nesta  XIII edición dos premios ECTN avaliáronse as propostas sobre os principais desafíos, riscos e oportunidades para o turismo sostible e aqueles proxectos relacionados coa cultura e os activos patrimoniais. A cerimonia de entrega do premio, prevista na cidade croata de Rijeka, suspendeuse como consecuencia da Covid-19 e celebrouse en formato en liña.

Os Premios Europeos de Turismo Cultural son unha iniciativa da Rede Europea de Turismo Cultural (ECTN) coa que colaboran NECSTouR, Europa Nostra e a Comisión Europea de Viaxes co obxectivo de fomentar o desenvolvemento de destinos turísticos sostibles en Europa. Na presente edición competiron un total de 17 candidaturas.