CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Os informativos da Televisión de Galicia estrean nova imaxe, acorde ao consumo multiplataforma

23/01/2021

Tipografías máis lixeiras e novas cores identificativas para os programas ‘Bos días’, ‘Galicia noticias’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’

Os informativos da Galega son os máis vistos; a TVG pechou 2020 co mellor dato de audiencia dos últimos seis anos

Os espectadores notarán o cambio nas pantallas desde este sábado 

Os informativos da Televisión de Galicia estrean nova imaxe, acorde ao consumo multiplataforma

Santiago, 23 xaneiro 2021.-  A Televisión de Galicia estrea nova imaxe gráfica para os seus informativos. Desde esta fin de semana, os programas ‘Bos días’, ‘Galicia noticias’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’, aparecen en antena cunha imaxe máis clara, dinámica e que se renova para mellorar a lexibilidade do consumo desde calquera tipo de dispositivo móbil e plataforma dixital.

A nova imaxe observarase, principalmente, nas ambientacións dos estudios dos servizos informativos, cunha cor identificativa para cada programa, e nova tipografía para os 'printers´ ou rótulos que se sobreimprimen na pantalla para ampliar a información máis destacada. Ademais, o logotipo da Galega, o 'G' que identifica a canle autonómica, situarase agora no ángulo inferior dereito da pantalla. O redeseño da liña gráfica foi realizado internamente na CRTVG, polo equipo de Deseño Gráfico da Corporación e achega un aire de modernidade, dinamismo e uniformidade ás emisións.  

Ademais de unificar a imaxe dos informativos con estes cambios, cada programa poderase identificar, entre outros aspectos, pola súa cor dominante. O maior cambio visual producirase co espazo ‘Bos días’, con fondos e cores coral fronte á cor corporativa dos telexornais e aos tons azuis do informativo ‘Galicia noticias’. Nas cabeceiras dos espazos os espectadores advertirán o emprego dunha tipografía máis grande, libre de caixas e plana, sen efectos 3D, que outorgará lixeireza e dinamismo á imaxe.  

Os informativos da Galega son os máis vistos. Na franxa informativa do mediodía (13:30 a 15:30 h), a TVG pechou 2020 como líder cun 21 % da cota de pantalla, duplicando e triplicando nalgúns casos o resto da oferta informativa da súa franxa.

Á fortaleza da franxa do mediodía hai que sumar un incremento espectacular de audiencia do “Telexornal serán”, que levou a TVG a liderar esta competida franxa en Galicia en múltiples ocasións durante o ano. 2020 foi o ano da información de servizo público. No medio dunha pandemia sen precedentes, os medios públicos galegos responderon dando o máximo servizo público da súa historia, e este traballo viuse recompensado pola sintonía e a fidelidade da audiencia galega.


                                                                 #Coidémonos

Galería de imaxes