CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Myriam Garabito, presidenta de Unicef Galicia, presentou no 'Bos días' da TVG a campaña #PorTodosMisCompañeros

18/11/2019
Myriam Garabito, presidenta de Unicef Galicia, presentou no 'Bos días' da TVG a campaña #PorTodosMisCompañeros

Santiago, 18.11.2019.- A presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito Cociña, foi entrevistada no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia con motivo da Semana coa Infancia, iniciativa solidaria que os medios públicos e UNICEF poñen en marcha ata o domingo 24 de novembro.

Myriam Garabito explicou que o obxectivo é sensibilizar sobre a situación da infancia más desfavorecida e o traballo da axencia internacional para promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU: o número 2, Fame Cero; o número 3, Saúde e Benestar; o número 4, Educación de Calidade; o número 5, Igualdade de Xénero; o número 6, Auga limpa e saneamento; o número 10, Redución das desigualdades; e o número 16, Paz, xustiza e institucións sólidas.

A presidenta do comité galego de UNICEF agradeceu o apoio dos medios públicos galegos, que enmarcan esta acción na súa responsabilidade social corporativa e dedicarán espazo nos seus distintos programas a tratar estes temas durante toda a semana. Garabito fixo un chamamento a apoiar esta acción solidaria “xa que precisamos a axuda de todos: persoas, empresas, institucións e medios de comunicación para poder ter recursos e darlles aos nenos os dereitos que deben ter: que accedan á escola, que sexan vacinados... con moi pouco, facemos moito”.

“Os galegos e as institucións galegas son moi solidarios”, sinalou, antes de explicar que esta novena semana da infancia se desenvolve baixo o lema #PorTodosMisCompañeros, co que UNICEF persegue este ano, entre outros obxectivos, mellorar a escolarización dos nenos e nenas en todo o mundo, especialmente naqueles países en que viven nun ámbito de violencia. 

Tamén explicou que a audiencia galega poderá colaborar durante toda a semana enviando SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá, por exemplo, subministrar alimento terapéutico a un neno con desnutrición aguda durante un día. A audiencia tamén poderá chamar ao 900 907 133 ou facer a súa aportacio´n na páxina portodosmiscompañeros.es