CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Medio millón de galegos seguiron o "Land Rober Tunai Show", que recibiu a Feijóo e arrasou cun 27% de audiencia

29/09/2016

O programa chegou a picos do 37,8% e acadou o minuto de ouro na comunidade autónoma, sendo o máis visto de todas as canles ao longo da xornada

En medios dixitais, a web da CRTVG case duplicou o número de páxinas vistas e o cancelo do programa foi tendencia en España en Twitter

 

Medio millón de galegos seguiron o "Land Rober Tunai Show", que recibiu a Feijóo e arrasou cun 27% de audiencia

Santiago, 29.09.2016.-  Máis de medio millón de galegos, o 21% dos que superan os catro anos, seguiron onte o “Land Rober Tunai Show”, que foi o programa máis visto en Galicia en todas as franxas horarias. Contou cun invitado de excepción, pouco habitual dos espazos de entretemento, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia en funcións, quen acudiu ao programa da Televisión de Galicia tan só tres días despois de gañar as eleccións autonómicas. 

O espazo da canle pública tivo unha audiencia media de 267.000 espectadores durante as súas dúas horas de emisión e acadou o minuto de ouro en Galicia – o máis visto de entre todas as canles ao longo da xornada–. Foi ás 23.06 h. e reuniu unha audiencia de 239.000 persoas. Ademais, o programa acadou o pico máximo de audiencia da canle ao longo do día, un 37,8%. 

A TVG sitouse onte, coa emisión dun “Land Rober Tunai Show” no que non só estivo presente o político senón tamén, a través do teléfono, Julio Iglesias, como líder do prime time en Galicia e como a canle autonómica máis vista. Así, contou cunha cota media de pantalla do 19% na faixa de maior consumo do día, situándose 4,3 puntos por diante do competidor máis próximo, Tele5, que tivo un 14,7%.

A audiencia media da Televisión de Galicia ao longo do día de onte foi do 12%. Foi seguida por 964.000 espectadores, o 36,5% dos galegos de catro e máis anos.

 

Un amplo seguimento dixital 

A emisión en directo do “Land Rober Tunai Show” tamén tivo unha importante repercusión nos medios dixitais da CRTVG. A web estivo preto de duplicar o número habitual de páxinas vistas, acadando as 20.000 esa noite.

Ademais, o cancelo do programa #LandRoberFeijóo foi tendencia en España, maténdose aínda na xornada de hoxe no primeiro posto pola mañá. Case 2.000 persoas comentaron en redes sociais con este cancelo, que acadou máis de cinco millóns de impresións e máis de 7.500 chíos. 

Alberto Núñez Feijóo amosou no programa a súa faciana máis persoal. Falou dos seus anos de estudiante universitario, nos que coincidiu na carreira co socialista José Blanco, ou de como coñecera a súa actual parella, Eva Cárdenas, nai do fillo que espera e coa que viaxou en avión logo dunha reunión en Madrid co ex presidente José Luís Rodríguez Zapatero. 

 

Galería de imaxes