CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Mar de Ardora' da RG desprázase a Noia para facer un balance da campaña marisqueira

14/10/2020

Desde a lonxa de Testal, coñecerá a situación do sector en plena pandemia e afondará no selo de calidade do berberecho de Noia

Este programa en exteriores farase sen público e coas precaucións e medidas de prevención para garantir a saúde dos profesionais da RG e dos seus convidados

'Mar de Ardora' da RG desprázase a Noia para facer un balance da campaña marisqueira

Santiago, 14.10.2020.-   ‘Mar de Ardora’ desprázase este xoves a Noia para preparar o programa que a Radio Galega emitirá esta fin de semana, un monográfico sobre a campaña marisqueira na ría de Muros-Noia, que chega ao seu primeiro mes. Desde a lonxa de Testal, o programa fará un balance do arranque da campaña, que afecta preto de 1.500 produtores e supón a principal actividade empresarial da zona.

O espazo presentado por Xusto López Carril interesarase pola situación deste sector marisqueiro e, en plena pandemia, coñecerá os controis nas instalacións e as medidas tomadas por mariscadoras e mariscadores para desenvolver os labores de recollida do bivalvo con total seguridade.

O selo de calidade do berberecho de Noia, acadado o pasado mes de xullo, é outro dos temas nos que afondará ‘Mar de Ardora’. Coa consecución da nova marca Galicia Calidade, o sector busca abrir novos mercados para este molusco, do que o 70% que se comercializa en Galicia procede desta ría.  

Nesta edición de ‘Mar de Ardora’, que se emite o sábado de 7.00 a 8.00 h, contarase coa participación do patrón maior da confraría de mariscadores de Noia, Santiago Cruz; da presidenta da Agrupación de Mariscadores de a Pé, Marisol Amado, e do secretario da Confraría San Bartolomé, Adelo Freire. O espazo asistirá tamén pola tarde á poxa do berberecho e a ameixa.  

Berberecho de Noia, nos comedores de Inditex

Na saída deste xoves a Noia, o equipo do programa gravará tamén os contidos doutra edición de ‘Mar de Ardora’, para a súa próxima emisión. Entrevistará a Félix González Túñez, presidente da Asociación Mar de Noia e director do Museo Mar de Noia, quen navegou por todo o mundo e ten unha extensa traxectoria ao carón do mar.  

Outro dos protagonistas deste ‘Mar de Ardora’ será Emilio Louro, portavoz da peixería online Fresco y del Mar, empresa especializada en pesca artesanal e responsable, que distribúe en todos os comedores da firma Inditex pescados e mariscos desta ría.

‘Mar de Ardora’ desprázase a Noia neste programa en exteriores, que se fará sen público, e con todas as precaucións e medidas de prevención para garantir a saúde dos profesionais da RG e dos seus convidados.