CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Endemol, unha das maiores produtoras europeas, adquire para o mercado francés o programa da TVG 'Escapárate'

21/10/2019

Tamboura Films, responsable tamén doutros espazos como ‘Historias Mínimas’ e ‘Que Casas!’, presentou este formato na pasada edición do Mipcom de Cannes, o mercado de televisión máis importante do mundo

A CRTVG segue a aumentar a proxección do audiovisual galego no exterior cunha proposta que pretende axudar a recuperar o comercio local comezando polo primeiro que se ve

Endemol, unha das maiores produtoras europeas, adquire para o mercado francés o programa da TVG 'Escapárate'

Santiago, 21.10.2019.-    Os contidos da CRTVG seguen a espertar interese no mercado internacional. O programa ‘Escapárate’, realizado para a Televisión de Galicia pola produtora Tamboura Films, responsable doutros espazos como ‘Que Casas!’, volveu da pasada edición do Mipcom de Cannes, o mercado de televisión máis importante do mundo, cun contrato de venda ao xigante Endemol. A produtora, un dos maiores grupos europeos de produción de contidos, adquiriu este formato para introducilo no mercado francés.

‘Escapárate’, que se emite os sábados ás 20.00 h na primeira canle da TVG, propón adentrarse nas tendas de toda a vida que loitan por saír adiante. En cada unha das entregas do programa, que pretende axudar a recuperar o comercio local comezando polo que primeiro se ve, dous comercios e dous profesionais do deseño e do interiorismo compiten para ver quen consegue preparar o mellor escaparate.

Segundo o xefe de Redacción de Tamboura Films, Xaime Barreiro, en Endemol “chamoulles a atención a calidade do programa que fixemos para a TVG e puxéronse en contacto connosco 24 horas despois de visionalo”. “Ás empresas grandes dálles igual de onde sexas, o que necesitan é creatividade”. Por iso, Barreiro considera que o segredo é “intentar saír da casa”, aínda que recoñece que “ir da man da TVG xa prepara o terreo fóra”.

O francés non será o único mercado internacional ao que chegue este programa da Televisión de Galicia, que segue así a espallar os horizontes do audiovisual galego, xa que  están moi avanzadas as conversas con outras distribuidoras para vender o formato de ‘Escapárate’ noutros países.

A proxección internacional de ‘Escapárate’ súmase a outros formatos da TVG que nos últimos meses iniciaron o seu percorrido máis alá das nosas fronteiras, como é o caso do programa ‘Historias Mínimas’, tamén de Tamboura, que foi vendido á RAI italiana; de  ‘O sabor das margaridas’, a primeira serie en galego no catálogo de Netflix; da coprodución galego-portuguesa ‘Vidago Palace’, que chegou ao mercado estadounidense; da ficción ‘Dalia, a modista’, que, tras o seu paso por varias canles autonómicas, puido verse tamén en Chile; do programa de servizo público ‘Street Down’, cuxos dereitos se cederon á Radio Televisión Eslovena, e das ficcións ‘Serramoura’ e ‘O final do Camiño’, esta última presente no mercado latinoamericano.