CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Dalia, a modista", a nova serie de TVG, consiguiu na súa estrea ser o programa máis visto

20/12/2016

Acadou unha audiencia media de 180.000 telespectadores e unha cota de pantalla do 16,8 %, sendo o segundo programa máis visto en Galicia

O primeiro episodio pódese volver ver no servizo de televisión á carta de www.crtvg.gal e o luns que vén chegará o segundo capítulo

 

Santiago, 20.12.2016.- A estrea da serie “Dalia, a Modista” levou onte a Televisión de Galicia a acadar o liderado durante a súa emisión. Esta produción, que conta a historia dunha costureira nunha vila galega dos anos 50, foi o programa de entretemento máis visto da xornada en Galicia e o segundo con maior audiencia da xornada.

A serie acadou unha audiencia media de 180.000 espectadores e unha cota de pantalla do 16,8%, aínda que a audiencia total da serie ascendeu ata os 311.000 espectadores sumando o previo e a serie. Durante a emisión da mesma, a TVG foi quen de acadar picos de 214.000 espectadores e cotas de pantalla do 22,2%. 

Protagonizada por María Mera, “Dalia, a modista” narra a chegada dunha modista á vila ficticia de Prescedo para coñecer máis sobre o pasado da súa nai e investigar a súa morte. Alí, Dalia traba amizade con Valentina, a filla da dona do obradoiro de costura. Valéndose desta boa relación, a modista trata de conseguir información para coñecer máis sobre o pasado da súa nai e saber que a puido levar a mudar de identidade. Dalia non tarda en acadar sona de boa modista, co que comeza a recibir encargos importantes, coma o do vestido de posta de longo dunha herdeira dos Herbaloba, unha importante familia de Prescedo. Ademais, durante a súa busca, xurdiranlle varios pretendentes e atopará varios veciños que han de agochar respostas sobre o pasado da súa nai e a súa fuxida da vila. 

O primeiro capítulo pódese volver ver no servizo de televisión á carta de crtvg.gal. O segundo capítulo emitirase o próximo luns, día 26.