CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Con motivo do centenario da revista 'Nós', a G2 estrea o 30 de outubro un documental sobre este proxecto e unha película baseada nun conto de Risco

25/10/2020

‘100 anos de Nós’ fai un percorrido contemporáneo por unha publicación que supuxo unha revolución no mundo editorial galego, mentres que o filme ‘Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros’ xira arredor dos misterios e do esotérico

Unha edición especial de ‘Un País en 360’ convidará o martes a percorrer o Camiño de Santiago que no seu día fixeron os membros da Xeración Nós<

Con motivo do centenario da revista 'Nós', a G2 estrea o 30 de outubro un documental sobre este proxecto e unha película baseada nun conto de Risco

Santiago, 25.10.2020.-    A G2 ofrecerá a semana que vén, coincidindo co centenario da revista ‘Nós’, que se celebra o 30 de outubro, unha programación especial nas noites de luns a venres relacionada con esta publicación, que deu lugar á denominada Xeración Nós, un dos proxectos culturais colectivos máis singulares non só da Galicia de preguerra, senón tamén de toda a historia da literatura galega.

Así, o venres, o propio día do centenario, estrearase ‘100 anos de Nós’, unha curtametraxe documental de Arraianos Producións que fai un percorrido contemporáneo por unha publicación que supuxo unha revolución no mundo editorial galego. A revista ‘Nós’, de aberto carácter nacionalista e que pretendía normalizar o uso do galego en todos os estratos sociais, saíu á luz o 30 de outubro de 1920 en Ourense, onde se publicou ata o número 15, trasladando despois a súa sede á Coruña e a Santiago de Compostela.

A continuación, ofrecerase a estrea da película ‘Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros’, adaptación da obra orixinal de Vicente Risco, un conto fantástico arredor dos misterios e do esóterico, con Xabier Álvarez e Xoán Lois Fernández como protagonistas.

Ademais destas estreas, a programación desta semana dedicada á Xeración Nós na segunda canle da Galega inclúe ‘O Retrato’, primeiro episodio de ‘Un mundo de historias’, unha serie de sete capítulos baseados en contos de distintos autores galegos. Sobre a base do conto de Castelao, ‘O Retrato’, que se emitirá o luns, conta o que sucede cando Hadrián, director de cine, retorna a Galicia para o enterro do seu pai en Santiago.

O martes ofrecerase unha entrega especial, realizada especificamente para esta efeméride, do programa ‘Un País en 360’, que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores o patrimonio galego. Nesta ocasión, da man de Estíbaliz Veiga, o espazo da TVG seguirá os pasos dos catro galeguistas relacionados coa Xeración Nós que en 1926 realizaron o camiño de Ourense a Santiago: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Antón Sánchez e Pardo Bedia. ‘Camiño de Nós’ percorrerá os máis de 100 quilómetros desta ruta, amosará vistas espectaculares e visitará os lugares polos que pasaron no seu día estes intelectuais.

Ese mesmo día, a segunda canle da Galega propón unha viaxe polas contornas e rutas literarias que envolven as casas-museo dos grandes escritores galegos. Unha edición especial de ‘Vivir Aquí’ recollerá os aspectos máis descoñecidos e humanos de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Manuel María, Rosalía de Castro e Curros Enríquez. O programa achegarase ás localidades natais destes escritores ilustres para falar cos familiares e veciños sobre as súas lembranzas persoais, as vivencias e anécdotas que máis lembran de todos eles.

O mércores será o momento de ver ‘Ramón Otero Pedrayo, o patriarca’, un documental sobre a vida do escritor ourensán, con fotografías, audios da súa voz e testemuños de persoeiros e coetáneos.

Ao día seguinte, os espectadores poderán ver o documental ‘Nós, semente de futuro’, unha produción divulgativa que afonda na figura dos membros da Xeración Nós: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antonio Lousada Diéguez, Florentino L. Cuevillas e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Todos eles manteñen na década dos 20 unha estreita ligazón persoal e unha actividade cultural compartida. Porén, un dos logros máis importantes desta xeración foi a promoción da revista ‘Nós’, que desde 1920 ata 1936 marcou a vida cultural galega. Para achegarse á Xeración Nós, o documental contará co testemuño do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; do presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco; do director do Museo Arqueolóxico de San Cibrao de Las, Xulio Rodríguez, e do presidente da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez Risco.