CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza a fase de votación popular no concurso Musicando Carvalho Calero da Radio Galega e AGAL

07/10/2020

Presentáronse 80 cancións, das que o xurado escolleu as 10 finalistas que se poden votar desde hoxe na web carvalho2020.gal

O certame foi convocado para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas

Comeza a fase de votación popular no concurso Musicando Carvalho Calero da Radio Galega e AGAL

Santiago, 07.10.2020.-    O concurso Musicando Carvalho Calero, posto en marcha pola Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, chega á súa fase final. Desde hoxe e ata o 29 de outubro pódense votar as 10 cancións finalistas, que foron elixidas polo xurado do certame, na páxina web http://carvalho2020.gal.

Será esta votación popular a que decida o tema gañador dun certame que supuxo un éxito absoluto de convocatoria, xa que se presentaron 80 cancións, algunhas de artistas pouco coñecidos e moitas outras de cantantes e grupos xa consolidados no panorama galego. Cada persoa que participe deberá seleccionar os seus tres temas favoritos para poder rexistrar o seu voto.

Madalena Gamalho, Clássicos Livres, MJ Pérez, Aldea Carnal, Benja Morana, A Banda da Loba, Dandy Fever, O Portughés, João Moniz e Demo Deus son os grupos e artistas que aspiran a gañar o concurso.

O 30 de outubro, 110º aniversario do nacemento de Carvalho Calero, coñecerase o nome do vencedor. O premio para o grupo ou solista gañador, por parte da CRTVG, será promoción, entrevistas e actuación na Radio Galega e a TVG. O gañador poderá gravar o seu tema nos estudios da Radio Galega, incluída a gravación dun vídeo musical. Por parte de AGAL, a asociación entregará un premio en metálico de 1.500 €.

Ademais da calidade das propostas, ao xurado sorprendeulle a variedade de estilos que se presentaron a concurso, desde música clásica, coral ou tradicional ata trap, heavy, indie e cumbia, entre outros. Composto polo xornalista musical Tito Lesende, o músico e investigador Alfonso Espiño, a coordinadora de Cultura da CRTVG, María Solar, a xestora cultural Aitana Cuétara, o músico Caxade e o escritor e profesor Carlos Quiroga, o xurado elixiu os 10 temas finalistas que acceden á fase de votación popular.

O gañador sucederá a A Minha Embala, proxecto da angolana Aline Frazão e o segoviano César Herranz, que, coa súa versión de tema ‘Maria Silêncio’, gañou a primeira edición do concurso, celebrada hai dez anos.

A posta en marcha deste concurso no mes de xuño deu pé a unha sección semanal no programa da Radio Galega ‘Diario Cultural’, en que se foi debullando a figura de Carvalho Calero, se explicaron as bases do certame e se animou a xente a participar musicando poemas do autor.