CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación TVG

María del Monte, Os Carunchos e El Combo Dominicano comparten o escenario de 'Luar' esta noite

05/03/2021

O programa ofrecerá tamén as actuacións de Alejandra Pais, Juan Dopico, Lis Teuntor e a asociación cultural Traspés

María del Monte, Os Carunchos e El Combo Dominicano comparten o escenario de 'Luar' esta noite

Santiago, 05.03.2021. Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez Padín, dan a benvida esta noite a ‘Luar’ (21.55 h) a cantante de sevillanas e canción española María del Monte, quen interpretará algunhas das cancións de máis éxito do seu repertorio. Outras das actuacións deste venres terán como protagonistas os membros de El Combo Dominicano, que ofrecerá todo un espectáculo en cada unha das súas intervencións.

O grupo galego Os Carunchos vén este venres ao programa a presentar o seu sétimo traballo discográfico ‘Lingua de xigantes’, un álbum con 18 pezas en que reúne cancións antigas e novas, con poemas de autores como Rosalía, Celso Emilio e Eduardo Blanco Amor.
    
Tamén compartirán o escenario de ‘Luar’ intérpretes coñecidos polo seu paso por orquestras, os coruñeses Alejandra Pais e Juan Dopico, a cantante cubana asentada na Coruña Lis Teuntor e a asociación cultural Traspés.

Coma en cada edición, ‘Luar’ dará paso, amais, a unha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’, en que competirán Jioa, en representación de Terras de Lugo, e Raquel Meleiro, de Vigo. Completan o elenco de convidados o humor dos cómicos Paco e Pepe e ‘Os Litos e As Salis’. O concurso telefónico parte hoxe cun bote de 3.000 euros.

ler máis

'Land Rober Tunai Show' propón hoxe un programa en chándal, que contará coa participación de Juan Muñoz e Víctor Fábregas

04/03/2021

O espazo presentado por Roberto Vilar recibirá tamén a visita da actriz Beatriz Serén

'Land Rober Tunai Show' propón hoxe un programa en chándal, que contará coa participación de Juan Muñoz e Víctor Fábregas

Santiago, 04.03.2021.-   A edición deste xoves de ‘Land Rober Tunai Show’ (21.50 h) estará dedicada á roupa de moda: o chándal. Nin Rosalía nin C. Tangana... Os galegos son os que marcan tendencia e o programa vai demostralo. Ata Roberto Vilar vai abandonar o traxe.

O equipo do ‘Land  Rober’ vai pintar a mona ao grande co actor Juan Muñoz, do dúo cómico Cruz y Raya, que vai coñecer as habilidades do público galego en ‘Non cho creo’. Ademais, o programa da TVG contará coa visita da actriz Beatriz Serén.

Por se fose pouco, Dosinda irá coas chatis facer a ruta do colesterol. En que acabará esta andaina? Volven ademais as trolas máis divertidas. Juan Muñoz, Víctor Fábregas e Rober enfrontaranse á mesa de ‘Mentira Cochina’. Cal dos tres contará unha anécdota real?

ler máis

Volve á TVG 'A miña familia pola túa', o divertido programa en que dúas nais intercambian a súa vida unha semana

03/03/2021

Na entrega desta noite, as protagonistas serán Marisa, unha xubilada defensora dos costumes, e Arantxa, unha rapaza moderna seguidora das tendencias actuais

Volve á TVG 'A miña familia pola túa', o divertido programa en que dúas nais intercambian a súa vida unha semana

Santiago, 03.03.2021.-   Este mércores comeza na TVG a segunda temporada de ‘A miña familia pola túa’ (22.20 h), o divertido espazo en que dúas nais, de familias con estilos de vida radicalmente opostos, intercambiarán o seu fogar durante unha semana de convivencia. O programa desvelará  os conflitos xurdidos pola convivencia nesa situación tan excepcional.

Nos primeiros días, a nai que chega ao seu novo fogar terá que coñecer e adaptarse ás normas polas que se rexe a familia que vive alí, para máis tarde impoñer a súas propias regras en función dos aspectos que non lle gustasen. Ao final da semana, as dúas familias enfrontaranse nun acareo para expoñer as súas diferenzas no seu modo de organizar a vivenda e os seus hábitos familiares. Aprenderán algo os uns dos outros? Levarán un bo recordo da experiencia? Ou as loitas farán irremediable a situación?

No programa desta noite, intercambiarán as súas vidas unha familia defensora dos costumes e outra das tendencias actuais. Marisa, nai xubilada de Cordeiro, é unha muller do país, das de toda a vida. Traballadora, ama de casa e virtuosa do punto de cruz. No chan do seu fogar pódese ver un reflectido e, como en todo bo salón galego, os tapetes feitos á man acompañan o sofá. A familia ocúpase da horta e crían galiñas e capóns que despois reparten cos fillos en datas especiais. A cociña e a lavadora son cousa dela e aínda ten tempo para lle botar unha man ao home cos choios que día a día son precisos para ter todo o seu impecable. Será quen de aceptar unha vida sen horarios e orde? Conseguirá inculcar o seu sentidiño entre a xente nova? Superará o reto que aceptou?

Pola súa parte, Arantxa é unha rapaza moderna de Vigo, seguidora das tendencias actuais. Vive co seu mozo e o deporte é o seu obxectivo común, xa que el gañou varios títulos de primeiro nivel. Ambos os dous comparten un bungalow, que só é un lugar de paso, xa que o mundo se reduce a un ximnasio a medio construír que el rexenta. Aínda que ela, seguidora do feng shui, trata de levar orde e boas enerxías ao espazo que comparten, polo de agora o amor vai por riba das disciplinas orientais. Será quen de levar consigo toda a harmonía china que coñece? Poderá mudar as tradicións herdadas ao longo de xeracións? Que ocorrerá cando estas dúas mulleres impoñan as súas propias normas? Adaptaranse as familias a vivir baixo unhas regras totalmente contrarias ás súas?

Esta edición de ‘A miña familia pola túa’ será unha homenaxe, compartida coa familia, a Suso, o home de Marisa, falecido recentemente.

ler máis

A historia dun amor adolescente, o de Tania e Carlos, protagonista esta noite nunha nova entrega de 'Casamos!'

02/03/2021

A parella decidiu tirar a casa pola fiestra para celebrar o seu amor con familiares e amigos, no que será un dos días máis especiais e emotivos das súas vidas (22.25 h)

A historia dun amor adolescente, o de Tania e Carlos, protagonista esta noite nunha nova entrega de 'Casamos!'

Santiago, 02.03.2021.-    A historia de amor de Tania e Carlos, os protagonistas desta semana do espazo ‘Casamos!’, é a de dous adolescentes. Comezaron a saír ás agachadas cando aínda non eran maiores de idade e un parque era o lugar de encontro para as súas primeiras citas.

Co paso dos anos a relación foise consolidando ata que Carlos foi vivir con Tania e con toda a súa familia, unha familia que medrou hai pouco co nacemento da pequena Lía, a filla da parella.

Para completar a súa felicidade, Tania e Carlos darán o si quero nunha voda con máis de 200 convidados. A parella decidiu tirar a casa pola fiestra para celebrar o seu amor con familiares e amigos, no que, sen dubida, será un dos días máis especiais e emotivos das súas vidas.

ler máis

O equipo de 'Galicia Bonita' emprende este luns unha nova viaxe polo país na procura de vivendas sen rematar

01/03/2021

A arquitecta Rosa Facal e os seus pintorescos axudantes seguirán loitando contra o feísmo galego e hoxe teñen un reto en Fisterra, onde se enfrontarán a unha reforma de grande envergadura

O equipo de 'Galicia Bonita' emprende este luns unha nova viaxe polo país na procura de vivendas sen rematar

Santiago, 01.03.2021.-   O equipo de ‘Galicia Bonita’ (22.30 h) volve poñerse en marcha na TVG. A arquitecta, especializada en recuperación de contornas no rural, Rosa Facal, cos seus pintorescos axudantes, emprende este luns unha nova viaxe por Galicia na procura de vivendas sen rematar. Cun orzamento limitado e o prazo máximo dunha semana e coa axuda de propietarios e veciños, enfrontarase a todo tipo de dificultades que influirán no correcto desenvolvemento das obras.

Nesta nova temporada, o programa seguirá loitando contra o feísmo galego, ese tipo de arquitectura que predomina en pendellos, palleiras e leiras de toda Galicia, e a primeira misión afrontaraa este luns en Fisterra, onde o equipo de ‘Galicia Bonita’ atopará unha obra, a vivenda de Macarena e de Joaquín, difícil de asumir.

A insistencia da propietaria e a envergadura da reforma poñerán a proba a arquitecta, quen deixará en mans dos seus colaboradores a decisión final: enfrontarse ao reto maiúsculo dunha tarefa colosal para só cinco días de traballo.

ler máis

No capítulo deste domingo de 'Método Criminal', Damián ten que cumprir a súa promesa e pechar un gran negocio cos colombianos

28/02/2021

Pola súa parte, Luís está gozando do seu momento despois de conseguir o papel protagonista na serie dos irmandiños, pero a calma na súa casa non durará moito

No capítulo deste domingo de 'Método Criminal', Damián ten que cumprir a súa promesa e pechar un gran negocio cos colombianos

Santiago, 28.02.2021.-    Despois de superar tres intentos de asasinato, descubrir a identidade do traidor e de sufocar a sede de vinganza do clan contra Tuco, no capítulo desta noite de ‘Método Criminal’ (22.35 h) Damián só ten que cumprir a súa promesa e pechar un gran negocio cos colombianos. Algo que pode ser sinxelo para un criminal de renome coma Telmo Canosa, pero se o que o intenta facelo é o seu fillo miñaxoia, a cousa non é tan doada.

Coa mellor das disposicións, Damián contacta con Rosario, a líder da mafia colombiana coa que Telmo facía negocios, e, a pesar do intento, o resultado non será o esperado, polo que viaxará ata Colombia para negociar en persoa.

Mentres tanto, Luís está gozando do seu momento despois de conseguir o papel de protagonista na serie dos irmandiños, en parte grazas á colaboración de Cecilia, pero a calma na súa casa non dura moito. Sara segue meténdolle presión para obter máis  información sobre os negocios ilegais dos Canosa e Gaila pídelle permiso para acoller durante un tempo o seu mozo, co que Luís non se leva moi ben, o que provocará unha fisura na relación entre pai e filla.

Na produtora, Susana non está conforme co desenvolvemento da súa personaxe na historia sobre os irmandiños. Cre que o proxecto necesita unha ollada nova e feminina, polo que contrata unha guionista, un talento emerxente. A decisión colle por sorpresa a todo o equipo, pero máis aínda á persoa á que Susana lle propón o traballo.

ler máis

Nena Daconte e Pili Pampín porán a música no 'Bamboleo' deste sábado

27/02/2021

Ademais, a orquestra La Favorita traerá a festa ao estudio do programa cunha selección de temas moi verbeneiros

Nena Daconte e Pili Pampín porán a música no 'Bamboleo' deste sábado

Santiago, 27.02.2021.-   ‘Bamboleo’ (22.05 h) prepara para este sábado unha proposta moi entretida. Xosé Manuel Piñeiro contará nesta ocasión coa presenza de Nena Daconte, nome artístico da cantante madrileña Mai Meneses, que triunfara co éxito ‘Tenía tanto que darte’, un bombazo que interpretará sobre o escenario de ‘Bamboleo’.  Ademais presentará un novo sinxelo, ‘Hojas secas’, en que mestura pop con música electrónica, mentres prepara o seu próximo lanzamento discográfico.  

Tamén formará parte do espectáculo desta noite a cantante Pili Pampín, que levou e leva o nome de Galicia e as súas cancións polos escenarios de medio mundo. Hoxe interpretará entre outros, unha mesturanza dos seus temas máis recoñecidos.

Os colaboradores veñen con ganas de meter en apuros as dúas artistas, que competirán no ‘Sobes ou Baixas’ e nos xogos do programa. Tamara Pérez, Claudio Pan, Javi Varela e Damián están dispostos para todo e ese todo inclúe encontrarse con algunha trasnada do furacán de Arca: Isi.

Ademais, a orquestra La Favorita traerá a festa ao estudio de ‘Bamboleo’ cunha selección de temas moi verbeneiros, mentres que no ‘Dirtidansi’ os espectadores verán dúas exhibicións de jive e rumba-bolero a cargo dunha parella de bailaríns de Teo, campións do mundo: Manel e Bea.

Na sección musical do ‘Agora ou Nunca’ os participantes serán Nerea Iglesias e José Manuel García, que pasarán polo escenario para cantar ‘Proud Mary’, de Tina Turner, e ‘Solo te pido’, de Manolo Escobar.

O karaoke de ‘A Jrileira’ contará coa participación dos clubs deportivos Santiago Black Ravens e Voleibol Calasancias Coruña. Miguel e Jaime, representantes de ambas as dúas entidades, cantarán ‘Amante Bandido’, de Miguel Bosé, e adiviñarán intérpretes coa axuda de compañeiros.

Finalmente, na ‘ITV do Amor’, Ainara xogará contra Julián e tres amigas para intentar adiviñar quen é a súa parella e facerse co premio. Todo é posible na proba máis picante do programa, en que o falar non ten cancelas.

ler máis

Melody celebra 20 anos na música con novas cancións en 'Luar', que trae os álbums dos galegos Joel Padín e TNT

26/02/2021

Padín, gañador en 2018 do ‘Pequenos Fenómenos’ na TVG, presenta o seu disco debut, nun espazo en que tamén actuará a orquestra Los Player’s, a Charanga Trébede, Abeleiras e o dúo formado por Christian Escuredo e Manuel DeAndrade

Melody celebra 20 anos na música con novas cancións en 'Luar', que trae os álbums dos galegos Joel Padín e TNT

Santiago, 26.02.2021.-  A música máis actual e os sons tradicionais máis festivos son protagonistas un venres máis en ‘Luar’ (21.55 h). Así, o programa da Galega trae esta noite as novas propostas de Melody, coas que a cantante celebra os seus 20 anos na música. A artista sevillana, que se dera a coñecer con ‘El baile del gorila’, interpretará entre outros temas ‘Las cosas del amor’, unha rumba flamenca e positiva coa que a coñecida artista volve situarse no panorama musical.

Desde Vilagarcía chega hoxe Joel Padín, para presentar o seu álbum debut ‘Aughas mortas’, un proxecto que se compón de 13 pezas tradicionais recollidas polo gaiteiro Carlos Rey e interpretadas por Padín, entre outros músicos. Padín, con só 15 anos, é xa coñecido pola audiencia da Galega tras proclamarse gañador hai uns anos do concurso infantil ‘Pequenos fenómenos’.

O redondelán Tanto Nos Ten (TNT) Música Tradicional Furtiva presentará esta noite en ‘Luar’ o seu novo traballo ‘Cortando fíos’. Este grupo folk, que converte nunha festa cada unha das súas actuacións, combina no seu repertorio temas propios con cancións populares, amais de mesturar pasodobres, muiñeiras, rumbas e outros ritmos bailables, que dan nome ao que a agrupación denomina música tradicional furtiva.
    
O versátil artista ourensán Christian Escuredo e o tamén artista e membro do xurado de ‘Recantos’ Manuel DeAndrade subirán hoxe ao escenario para interpretar a dúo ‘Ti cambiarás’. Amais, contarase coas intervencións da orquestra Los Player’s, da canguesa Charanga Trébede e da agrupación Abeleiras.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán paso, amais, a unha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’, en que competirán Chiña, en representación de Noia-Barbanza, e Fernando Hernández, de Terras da Coruña. Unha edición máis, Gayoso intentará que algún espectador sexa quen de facerse cos 2.500 euros do concurso telefónico. Completa o elenco de convidados o humor dos cómicos Paco e Pepe e os 3 Litos.

ler máis

O actor Antonio Durán 'Morris' e o grupo Boyanka Kostova, protagonistas dun 'Land Rober Tunai Show' dedicado á rapazada

25/02/2021

Da man de dous expertos na materia, Pili Pampín e Octavio Villazala, os espectadores coñecerán os problemas que lle quitan o sono á Xeración Z

O actor Antonio Durán 'Morris' e o grupo Boyanka Kostova, protagonistas dun 'Land Rober Tunai Show' dedicado á rapazada

Santiago, 25.02.2021.-    Este xoves vén un dos grandes pintar a mona no ‘Land Rober Tunai Show’ (21.55 h): o actor Antonio Durán ‘Morris’, nun programa especial para a ‘juventú’. Os espectadores van saber que pasa coa rapazada nestes tempos, e para iso o programa contará con dous expertos na materia: Pili Pampín e Octavio Villazala. Cal dos dous coñecerá mellor os problemas que lle quitan o sono á Xeración Z?

Volve tamén o ‘Pasa pa casa’ especial rapazada. Por se fose pouco, o show presentado por Roberto Vilar pillará a Dosinda na allada, nun encontro cun pretendente no límite do peche perimetral. O garda civil vai ter traballo arreo.

O ramo porao o grupo de trap galego Boyanka Kostova. Quen mellor para marcar o ritmo deste ‘Land Rober’ especial ‘chavalada’?

ler máis

A gañadora de 'Come a Comarca. As Batallas' sairá esta noite da gran final entre Terra de Melide e a Terra Chá

24/02/2021

A maior competición gastronómica de Galicia despídese cun programa (23.30 h) cheo de emoción, cun menú propio dunha estrela Michelín e con esixentes retos culinarios

A gañadora de 'Come a Comarca. As Batallas' sairá esta noite da gran final entre Terra de Melide e a Terra Chá

Santiago, 24.02.2021.-     A final do norte entre os coruñeses da Terra de Melide e os lucenses da Terra Chá, pon hoxe o punto e final a ‘Come a Comarca. As Batallas’, a competición gastronómica que mediu 16 equipos comarcais, representados por cinco cociñeiros cada un, na Televisión de Galicia.

No programa desta noite haberá un menú propio dunha estrela Michelin, produtos tradicionais da nosa terra, retos culinarios, etc. Todo nunha proba contra o reloxo en que un xurado decidirá nunha cata a cegas cal é a comarca que mellor cociña nas provincias da Coruña e Lugo.

Pedro Coego, do Recuncho do Convento, á fronte dos melidenses, e José Luis Álvarez ‘Bouso’, de O Castro, na Pastoriza, liderando os chairegos, deixarán os seus restaurantes e porán o brazalete de capitán de equipo para conseguir xunto cos seus compañeiros o premio final. O orgullo comarcal está en xogo, pero tamén 20.000 euros, 15.000 para os gañadores e 5.000 para o equipo finalista.           

ler máis